Tui será concello piloto, xunto con outros municipios, na xestión deste programa dependente da Deputación de Pontevedra
Isto supón un avance moi importante na transparencia e na axilidade na xestión, pois cada informe que se emita deixará o seu rastro, e poderase saber se está ou non en prazo
O Concello de Tui porá en marcha, a partir do mes próximo, un programa de xestión para o rexistro de expedientes no departamento de Urbanismo. Cividas, que así se chama o programa facilitado pola Deputación de Pontevedra, implantarase de forma novidosa en Tui e noutros catro concellos da provincia.
Desta forma os cidadáns poderán comprobar, dende a súa propia casa, se o seu expediente xa foi tramitado ou se se lle require documentación complementaria e coñecer en todo momento a situación do mesmo. Isto supón un avance moi importante na transparencia e na axilidade na xestión, pois cada informe que se emita deixará o seu rastro, e poderase saber se está ou non en prazo.
O programa “Cividas” permite o almacenamento e centralización de documentos, con xestión automática de versións e acceso multicanle. Os expedientes non se almacenan fisicamente, senón na “nube”. Tamén posibilita a recepción telemática de notificacións ó cidadán e xeración automática e descarga de documentos oficiais coa sinatura dixital da Administración, ademais da sinatura electrónica recoñecida, que permite identificar ó asinante e aportar a mesma validez xurídica que se se asinara fisicamente.
Coa implantación deste novo modelo de xestión, o Concello de Tui pretende ordenar e axilizar un departamento de grande importancia para o funcionamento da administración local e de sumo interese para os cidadáns. Neste senso, dende o Concello informan tamén que o horario de atención ó público do departamento será os martes de 11.30h a 14.00h e os xoves de 9h a 11.30h.
Sem comentários:
Enviar um comentário