segunda-feira, 27 de junho de 2011

A BIBLIOTECA MUNICIPAL OFRECE DE NOVO O SERVIZO DE “BIBLIOPISCINA” NAS PISCINAS MUNICIPAIS: “MERGULLATE NOS LIBROS”


Como nos cinco anos anteriores a Biblioteca Pública Municipal de Tui ofrece aos usuarios da Piscina Municipal o servizo de “Bibliopiscina” para facilitar aos bañistas a posibilidade de achegarse no seu tempo de lecer á lectura, como unha alternativa de ocio ideal para este tempo de verán.
Esta iniciativa presentada baixo o lema “Mergúllate nos libros” tenta achegar o libro e a lectura como unha oferta para o tempo de lecer para todas as idades e para todos os sectores sociais, así na escolma que se presenta se buscan unha grande diversidade de títulos e de formatos e temáticas. Con tal motivo os responsables da Biblioteca Municipal teñen realizado unha escolma de títulos para nenos e adultos, tanto en galego coma en castelán, que resulten de fácil lectura.
Para acceder a este servizo bibliotecario non cómpre ningún tipo de carné da Biblioteca senón que posúe un acceso libre e gratuíto, e tampouco supón custe adicional algún para as persoas que acceden ás Piscinas Municipais.
A posta en marcha desta iniciativa por sexto ano ven avalada pola boa acollida que suscitou entre os bañistas en anteriores edicións, estando previsto renovar a colección de libros depositada na “Bibliopiscina” no vindeiro mes de agosto.
Para a concelleira de cultura do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, esta iniciativa de extensión bibliotecaria evidencia, nunca nova oportunidade, o traballo de promoción do libro e a lectura como ferramentas imprescindibles para o desenvolvemento persoal e social e como unha alternativa enriquecedora para o tempo de lecer que leva adiante este Concello a través da Biblioteca Pública Municipal.
Achegar os libros aos lugares onde está a xente e ofertalos como un elemento normalizado da vida persoal e colectiva contribúe de xeito eficaz a acadar unha normalización da lectura entre os nosos veciños, incrementando a súa afección polo libro.

Sem comentários:

Enviar um comentário