Será no novo pavillón a partir das 10.30h. O novo pavillón municipal de Tui acolle este domingo o XXIII Campionato de España Absoluto de Kung Fu e Tai Chi organizado polo Concello de Tui e a Federación Galega de Kung Fu coa colaboración do Di Som Tui.
No mesmo vanse dar cita máis de 600 deportistas dos que un centenar son de Tui e da súa contorna. A competición comezará ás 10.30h sendo a entrada gratuíta.
Os pormenores deste evento deportivo foron dados a coñecer esta mañá en rolda de prensa polo presidente da Federación Galega de Kung Fu, Carlos Alonso Martínez, o presidente do Di-Som Tui, Eduardo Sanjurjo, así coma por Jose Luís Rodríguez Acevedo, pioneiro deste deporte en España, Jose Antonio Parada, delegado de Tai chi da Federación Galega, e Julio Conde, Campión do Mundo de Kung Fu hai uns anos, e técnico e deportista do Di-Som Tui. Estiveron respaldados polo alcalde, Moisés Rodríguez, e polo concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo.
Eduardo Méndez Sanjurjo explicou que o Kung Fu é unha modalidade deportiva da que Galicia é pioneira, apuntando que na contorna practican este deporte máis de 400 persoas. Aproveitou para agradecer ao Concello o apoio prestado e o esforzo que fixo para poder acoller este campionato.
Carlos Alonso, presidente da Federación Galega, apuntou que este Campionato de España chega a Tui coma premio ao labor de esforzo e dedicación feito na cidade neste deporte, engadindo que a desta fin de semana é a festa do Kung Fu. Pola súa parte José Luís Rodríguez Acevedo reiterou o agradecemento ao Concello e fixo fincapé na labor realizada por Eduardo Méndez Sanjurjo no ámbito deportivo, sinalando que é “un exemplo a seguir a nivel nacional”.
Jose Antonio Parada, delegado de Tai chi da Federación Galega, explicou que foi unha aposta da Federación incorporar ao Campionato de Kung Fu tamén o de Tai-chi, que está aínda en probas e cuxos resultados, apuntaba, se verán a medio ou longo prazo. Engadía que o Tai chi é unha práctica deportiva apta para todas as idades que polos seus movementos lentos e sosegados porá o contrapunto ao exercicios rápidos e potentes do Kung Fu. Explicaba que a competición realizarase en individuais pero que haberá unha exhibición de Tai chi por equipos. Julio Conde agarda que se cumpran as expectativas postas no Campionato e que os deportistas o fagan o mellor posible na competición.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo Montes, agradeceu a Eduardo Méndez Sanjurjo toda labor que ten feito a prol do deporte tudense referindose ás case 400 licencias federativas que ten ao seu cargo. Sinalaba que é unha honra participar na organización deste Campionato de España de Kung Fu “un deporte milenario onde priman valores coma o traballo, o esforzo e a dedicación”, e sobre eses valores, dicía, ten que a camiñar a concellería que dirixe.
Por último o alcalde, Moisés Rodríguez, apuntou que Tui non podía deixar pasar a oportunidade de acoller na cidade este Campionato de España. Manifestaba que o municipio ten que estar preparado para acoller ás persoas que con motivo desta competición se van a achegar á cidade na fin de semana. Sinalaba que “o deporte é fundamental, e o deporte, xunto a educación e a cultura están interrelacionados”. Remataba apuntando que o feito de que Tui sexa un referente no Kung Fu ten que ser un orgullo para todos, porque detrás está o traballo de moitas persoas.
600 deportistas compiten nas diferentes categorías
O Campionato de España de Kung Fu e Tai Chi comezará o domingo ás 10.30h no novo pavillón de deportes de Tui. No mesmo van participar 600 deportistas nas diferentes categorías procedentes de toda España. A competición tanto por equipos coma en individual comporase de tres probas: combinación de movementos libres, defensa persoal simulada e patrón de movementos. Nas mesmas valoraranse aspectos técnicos, estéticos e educativos do Kung Fu. A entrega de premios está prevista para ás dúas da tarde.
A entrada para presenciar o Campionato é gratuíta. A capacidade do pavillón é de mil cincocentas persoas.
Sem comentários:
Enviar um comentário