MAÑA INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN “165 ANOS DE ENSINO MEDIO EN TUI”
O Teatro Municipal tudense acollerá mañá venres 3 de xuño ás 13,00 horas o acto oficial de inauguración dunha exposición conmemorativa dos 165 anos da fundación na nosa cidade dun Instituto de Bacharelato, que comezou a funcionar no curso 1845/46.
Para conmemorar este aniversario ábrese esta exposición titulada “165 anos de ensino medio en Tui” organizada conxuntamente entre a Concellería de Cultura tudense e os IES “San Paio” e Francisco Sánchez, e na que colaboran o Seminario Menor “San Paio”, o Instituto “Sánchez Cantón” de Pontevedra, o Museo Pedagóxico de Galicia e o Museo Diocesano de Tui.
O acto inaugural desta mostra terá lugar no Teatro Municipal e contará coa presenza do alumnado destes centros educativos –que en días posteriores visitaran a devandita exposición- e está prevista a asistencia do Alcalde de Tui en funcións, Antonio F. Fernández Rocha, o Xefe Territorial da Conselleria de Educación, Cesar Pérez Ares, xunto aos directores dos institutos tudenses.
Con este acto reivindicase a antigüidade do ensino medio en Tui, salientando que foi unha das primeiras cidades de Galicia en contar cun centro educativo destas características, pois só Lugo tivo un instituto anteriormente, en 1842, e no referido ano 1845 comezan os de Santiago, Ourense, Pontevedra e Tui, namentres que A Coruña deberá agardar a 1862.
Para o concelleiro de cultura en funcións, Moisés Rodríguez Pérez, salientar este aniversario que sitúa á nosa cidade como un dos primeiros lugares de Galicia en contar cun centro de ensino medio é reivindicar a historia da nosa cidade, a súa vocación educativa e cultural. Congratúlase polo traballo conxunto realizado entre os Institutos de Ensino Secundario de Tui e a Concellería de Cultura na organización desta mostra que estará aberta ao público ata o 30 de xuño.
Sem comentários:
Enviar um comentário