sábado, 25 de junho de 2011

O concelleiro Nicolás Lorenzo Montes presenta os obxectivos da Concelleria do Conxunto Histórico e Rehabilitación


 Unha das principais novidades do novo goberno municipal de Tui que preside o alcalde Moisés Rodríguez Pérez é a creación dunha nova concellería denominada “Conxunto histórico e rehabilitación” que foi encomendada ao concelleiro Nicolás Lorenzo Montes. A creación desta nova área de goberno da cumprimento ao compromiso electoral de que o casco antigo tudense sería obxecto dunha especial atención do goberno municipal. A creación desta delegación municipal é a primeira demostración deste compromiso.
O concelleiro Lorenzo Monte aborda esta nova concellería cunha gran ilusión por considerar que posúe un carácter estratéxico para o Concello, por canto o conxunto histórico amais do principal referente de identidade tudense é o fundamental recurso turístico do noso municipio e a súa posta en valor suporá non só unha mellora das condicións de vida dos seus veciños senón tamén darlle novo valor ao turismo tudense.
Esta nova concellería marcouse a curto prazo coma obxectivos, no que está xa traballando os seguinte:
-          Novo plan de limpeza
-          Plan de peonalización do conxunto histórico, para o que de inmediato se realizará un novo padrón de residentes con vehículos para regular o seu acceso
-          Plan de accesibilidade, tanto ao conxunto histórico como aos principais edificios de interese patrimonial
-          Control de ruídos e horarios dos establecementos de hostalería para favorecer a convivencia entre os usuarios e residentes desta zona monumental
A máis longo prazo a concellería que dirixe Nicolás Lorenzo montes pretende, entre outros temas, abordar:
-          Creación do Centro de Interpretación do Conxunto Histórico, no edificio do cárcere vello.
-          Posta en valor do sistema amurallado da cidade
-          Estudio da viabilidade da rehabilitación do teatro principal
-          Nova sinalización turística
-          Incrementar os investimentos da Área de Rehabilitación Integral como ferramenta básica no traballo de revitalización do conxunto histórico
Certamente, engade o concelleiro Lorenzo Montes, son moitos e moi diversos os aspectos a abordar nesta concellería que posúe un carácter transversal pois as súas actuacións coinciden con outras áreas de goberno.
Por outra banda, informa o concelleiro que os traballos de redacción do Plan Especial do Conxunto Histórico avanzan ao ritmo desexado de tal forma que confía en acurtar os prazos de entrega deste documento, que será a principal ferramenta para a protección y conservación do noso conxunto monumental.
Xa dende agora Nicolás Lorenzo Montes solicita de todos os veciños de Tui e especialmente do conxunto histórico a súa colaboración para lograr que este lugar de referencia da nosa cidade resulte un lugar idóneo para vivir e para visitar e do que todos os tudenses nos sintamos orgullosos.

Sem comentários:

Enviar um comentário