sexta-feira, 28 de outubro de 2011

Concello e FEGABA asinan un convenio para acoller as concentracións das categorías inferiores das seleccións galegas


O Concello de Tui e a Federación Galega de Baloncesto asinaron esta mañá un convenio de colaboración que permitirá que se realicen en Tui as concentracións das seleccións galegas de baloncesto en categorías inferiores. En concreto a Federación Galega de Baloncesto, FEGABA, conta con seis seleccións, tres masculinas e tres femininas, nas categorías de cadete, infantil e minibasket. Este equipos son os que poderán realizar na cidade as súas concentracións. 
O convenio foi asinado polo  alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Picó, nun acto no que tamén estivo presente o concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo Montes, o edil tudense Jose Ángel Villaverde, e José Luís Pérez, responsable técnico da FEGABA.
No acto quedou constancia da boa sintonía existente entre as dúas institucións e que deu lugar a colaboracións previas xa ao convenio agora asinado.
O edil de Deportes, Nicolás Lorenzo, na súa intervención puxo de relevo a vinculación de Tui co mundo do deporte, con grandes éxitos coma o recente Campionato do Mundo de Piragüismo de  Manuel Garrido, e cun protagonismo destacado tamén no baloncesto.  Agradecía a predisposición por parte da Federación para a sinatura deste convenio, sinalando que a relación era xa estreita con anterioridade. Desexaba tamén que este sexa un bo comezo para converter en sede oficial das categorías inferiores e para aspirar no futuro a albergar tamén a selección española de baloncesto en categorías inferiores.
O presidente de FEGABA, Francisco Martín Picó, salientou que “Tui ten sido moi receptivo” coa Federación Galega apuntando que xa se teñen xogado na cidade algúns torneos coma o Campionato de España Junior do pasado mes de maio, do que dixo que “a organización ten sido un referente para outras autonomías”, engadindo que “tanto O Porriño como Tui souberon acoller esta proba e foi un éxito recoñecido a nivel nacional”. Xa con respecto ao convenio asinado esta mañá sinalaba que é un primeiro paso porque “se pode aspirar a máis” indicando que “Tui sería un referente bo para facer eventos coma a Copa Galicia”. 
Por último o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, sinalaba que queren que “Tui sexa un referente no mundo do deporte” polo que fan unha aposta pola canteira, e pola posta en valor das instalacións deportivas con que conta a cidade. Sobre o convenio asinado con FEGABA manifestaba que “marca un punto de inflexión” no que se establece a colaboración continua entre as dúas entidades. É tamén, segundo explicaba, unha aposta pola xente nova e por seguir dinamizando a cidade. 

Sem comentários:

Enviar um comentário