O Concello de Tui ven de recibir o Premio “Entreculturas 2011” outorgado pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra para premiar a unha entidade ou persoa do ámbito galego por “fomentar a solidariedade, a integración, o intercambio, a profundización do mutuo coñecemento e o mutuo apoio entre os pobos e os inmigrantes” namentres que o Centro Galicia de Buenos Aires acada este premio na categoría do mundo hispano e da emigración.
Premíase ao Concello de Tui segundo o xurado “polo seu compromiso na prestación de servizos no ámbito cultural e social a favor da emigración e inmigración, e polas súas iniciativas no ámbito cultural, socio-laboral, educativo, sanitario, con programas específicos dedicados á muller e á mocidade inmigrante. O seu labor vai dirixido especialmente aos máis de 750 inmigrantes empadroados no Concello de Tui, que polo carácter fronteirizo deste concello con Portugal, o maior número de persoas inmigrantes son de nacionalidade portuguesa”.
Este premio está dotado con 6000 euros e será entregado no vindeiro 12 de outubro, coincidindo coa festa da Hispanidade. Os premios Entreculturas concédeos a Deputación Provincial de Pontevedra dende o ano 2005 a persoas e entidades que salientan polo seu labor desde dentro e fóra de Galicia en pro da solidariedade, a integración o mutuo apoio e a profundización do coñecemento entre os pobos.
Con estes premios a Deputación Provincial da un novo enfoque á celebración do Día da Hispanidade e pretende subliñar o papel da provincia de Pontevedra como ponte entre Portugal e Galicia, Galicia e España e España e o mundo hispánico. Pretende tamén conmemorar o encontro entre culturas que supuxo a xesta de Colón, na que participou activamente a provincia de Pontevedra. E, sobre todo, quere axeitar a tradicional celebración do 12 de outubro á nova realidade social da provincia, Galicia e España como terra de acollida, de encontro entre culturas e de integración de emigrantes.
Para o Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, a concesión deste premio é unha gran satisfacción para o Concello de Tui que por medio dos diversos departamentos municipais ven traballando, dende hai moitos anos, no labor de integración e promoción do colectivo de inmigrantes existente no noso municipio e na intensificación da colaboración transfronteiriza. Un labor asentado de atención a inmigrantes e emigrantes retornados, que en virtude do convenio asinado coa Xunta de Galicia para a creación dunha oficina específica, ten afondado neste importante labor.
A condición fronteiriza do noso municipio, manifesta Moisés Rodríguez Pérez, axuda de xeito eficaz neste labor pois os tudenses están acostumados a convivir con xentes doutras nacionalidades e podemos afirmar que existe unha asentada integración destes colectivos na vida social da cidade. As actividades que en diversos ámbitos municipais se desenvolven son unha eficaz ferramenta para acadar este obxectivo e lograr, cada día, cotas máis amplas de integración. Especial mención, engade o alcalde, é para o colectivo de inmigrantes lusos que de sempre manteñen unha completa integración na vida local que agora acadará maior relevancia coa sinatura do acordo de creación da “Eurocidade” con Valença do Minho.
O alcalde tudense remata agradecendo ao xurado deste premio e á Deputación Provincial este galardón e ao persoal do Concello que traballan nestes ámbitos o seu labor agora amplamente recoñecido.
Sem comentários:
Enviar um comentário