O Concello de Tui, a través do seu alcalde, Moisés Rodríguez Pérez, congratúlase pola presentación, onte en Santiago de Compostela da rede de centro transfronteirizos de dinamización integral para as mulleres que terá unha das súas sedes na nosa cidade, xunto con A Cañiza, Monterrei e Vilaverde.
As máis de 430.800 mulleres que residen nas comarcas do Baixo Miño e Paradanta (Pontevedra), na comarca de Verín (Ourense) e nas subrexións portuguesas de Minho-Lima e Cávado van beneficiarse dos servizos destes catro centros de dinamización integral que entrarán en funcionamento este mesmo ano. Esta rede de centros vai por a disposición das usuarias estruturas compartidas para optimizar os recursos e as políticas de igualdade de oportunidades e de prevención da violencia de xénero a ambos lados da raia. Esta iniciativa, baseada no criterio colaborativo de compartir equipamentos e recursos, é resultado do compromiso das administracións de Galicia e Portugal a través do proxecto CEDIM, dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, POCTEP, 2007-2013. O proxecto, que conta cun presuposto de 712.225 euros financiado no 75% por fondos FEDER, foi presentado onte en Santiago, nunha xornada á que asistiron en representación da Administración galega as titulares dos tres departamentos implicados na iniciativa, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Covadonga Toca. En representación da Administración portuguesa asistíu Teresa Carvahlo, da Comissão para a Cidadanía e Igualdade de Xénero.
Moisés Rodríguez Pérez agradece a sensibilidade das administracións galega e protuguesa implicadas nesta materia que recoñecen a posición estratéxica de Tui no espazo transfronteirizo entre Galicia e Portugal e que con este novo servizo incrementará o seu protagonismo como enclave pioneiro nos servizos públicos compartidos entre ambas áreas xeográficas. A recente aprobación de creación da eurocidade Tui – Valença é outra medida adoptada polas administracións locais tudense e valenciana na mesma liña de traballo. O Alcalde tudense afirma que este novo Centro de Dinamización Integral para as Mulleres contribuirá eficazmente ao desenvolvemento de políticas públicas de apoio e impulso ao papel das mulleres na nosa sociedade.
O espazo territorial transfronteirizo no que se desenvolve este proxecto é un área de ampla tradición colaborativa e estreitos vínculos sociais, económicos e culturais que, por primeira vez a través do proxecto CEDIM, van facerse extensivos ás políticas de igualdade de oportunidades para a poboación feminina. Para mellorar a cualificación, as condicións de empregabilidade, o emprendemento e as oportunidades das mulleres cun criterio de eficacia, estes centros transfronteirizos adecuarán as actividades dinamizadoras ao perfil das demandantes, en eidos como a formación ou a orientación laboral.
Apoio da Rede CeMIT
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica contribuirá a “Rede Transfronteiriza de Centros Dinamizadores para Mulleres” a través da infraestrutura da Rede de Centros para a Modernización e a Innovación Tecnolóxica (CeMIT), que en Tui posúe unha das súas Aulas, priorizando a participación nos cursos de formación en novas tecnoloxías daquelas mulleres que acudan aos centros transfronteirizos. O obxectivo é capacitalas nun ámbito, o tecnolóxico, ao que polo seu perfil, non teñen fácil acceso. Esta liña de colaboración permitirá mellorar a eficiencia dos recursos existentes a ambos os dous lados da fronteira e a situación das mulleres, especialmente no que se refire á formación e ao emprego.
Ademais, tamén está xa en funcionamento a nova web da “Rede Transfronteiriza de Centros Dinamizadores para Mulleres” no enderezo www.redecedim.eu, que se converterá na ferramenta de comunicación e difusión do proxecto na rede. No vindeiro mes de decembro porase en marcha un boletín electrónico, ao que poderán subscribirse as persoas interesadas e que lles permitirá recibir regularmente no seu correo as últimas novas e actividades da Rede CEDIM.
Sem comentários:
Enviar um comentário