segunda-feira, 28 de novembro de 2011

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI INCREMENTA O SEU FONDO LOCAL CON NOVAS PUBLICACIÓNS


A Biblioteca Pública Municipal de Tui vén de incrementar o seu fondo local con novas adquisicións de obras diversas que consolidan esta sección da nosa biblioteca como unha ferramenta imprescindible para o coñecemento da nosa localidade.
Por unha banda, foron adquiridas diversas obras de caracter histórico como é o caso das seguintes:
  • Memorie Storiche dell’Australia” do Bispo Rosendo Salvado, de 1857; trátase da primeira edición destas memorias que foi realizada en italiano
  • Manual de Estudios Bíblicos” de Manuel Lago Gonzalez editado en Alemania no ano 1911
  • Discurso de ingreso na Real Academía de Ciencias Morais e Políticas pronunciado por Augusto González Besada titulado “Deberes de la ciudadania olvidados o mal cumplidos por las generaciones actuales” editado en Madrid en 1913
  • Tui en la Baja Edad Media” de Pascual Galindo Romero editado en 1923.
Nesta mesma liña de traballo, a Biblioteca tudense tense enriquecido coa reproducción de diversas publicacións periódicas locais, como son o “Boletín do Centro de Iniciativas y Turismo de Tui”, editado entre 1960 e 1968, a revista “Tuy, del Instituto Laboral San Pelayo” editada entre 1957 e os tres números de “Tude” a revista do Instituto tudense editada nos anos 1935 e 1936.
Na actualidade o fondo local de Biblioteca Pública Municipal tudense conta con máis de trescentas publicacións de variada temática referidas á nosa cidade e o seu municipio. Deste xeito, a Biblioteca municipal leva adiante unha das súas funcións, como é reunir as publicacións referidas ao seu ámbito xeográfico, converténdose nun centro de acceso á información de caracter local aos servizo dos estudosos e dos cidadáns en xeral.
Para a concelleira de Cultura tudense, Vanesa Rodríguez Pereira, este traballo da Biblioteca Municipal contribúe á potenciación deste servizo municipal como un referente para a nosa cidade, pois xunto ao traballo diario de promover o acceso á cultura e á información, consolida o seu caracter de servizo público incrementando constantemente este fondo local, aberto á consulta dos usuarios da Biblioteca Municipal tudense.

Sem comentários:

Enviar um comentário