segunda-feira, 7 de novembro de 2011

A OFICINA MUNICIPAL DE TURISMO ATENDEU 2309 TURISTAS NO PASADO MES DE OUTUBRO E 660 PEREGRINOS COMEZARON EN TUI O CAMIÑO A SANTIAGO


A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui atendeu ao longo do pasado mes de outubro un total de 2.309 consultas de turistas de diversa procedencia, un número de visitante que nun mes de escasa afluencia de visitantes testemuña a importancia crecente que supoñen os turistas que se achegan ata a nosa cidade en calquera época do ano. Deste número 2.090 eran turistas e 219 foron peregrinos que se achegaron ata esta Oficina de Turismo na súa estadía en Tui.
Entre os 1909 visitantes de procedencia española que realizaron algunha consulta na Oficina de turismo tudense salientan 411 de Madrid, 271 de Andalucía, 163 de Galicia, 144 da Comunidade Valenciana e 134 do País Vasco, pero cabe destacar que houbo visitantes de todas as Comunidade Autónomas españolas sendo as Illas Baleares con 17 consultas a menos representada.
En canto aos turistas internacionais, destaca a presenza de 83 de Alemania, 71 de Portugal, 40 de Italia, 40 de Francia e 26 de Estados Unidos. Turistas de ata 33 nacionalidades distintas visitaron a nosa cidade no pasado mes de outubro.
Dos 219 peregrinos que efectuaron algunha consulta neste Oficina tudense 97 eran españois (con madrileños e valencianos como os máis representados) e 122 estranxeiros (onde destacan alemáns, italianos e portugueses). Este número representa menos da metade dos 660 peregrinos que no pasado de outubro comezaron o seu itinerario de peregrinación á Catedral de Santiago de Compostela na nosa cidade. Segundo os datos da Oficina de Atención ao Peregrino da Arquidiocese de Santiago Tui consolida seu papel como un dos primeiros lugares escollidos polos peregrinos para comezar o seu itinerario. Esta mesma Oficina informa que no pasado mes de outubro un total de 1957 peregrinos realizaron o camiño portugués, o segundo máis utilizado logo do francés.
Con este abano de datos, a concelleira de turismo do Concello de Tui, salienta a importancia destes números e como na nosa cidade se consolida paseniñamente a importancia do sector turístico como un dos seus principais recursos. Neste sentido, é moi importante, engade a concelleira, manter a apertura desta Oficina Municipal de Turismo boa parte do ano pois posibilita ofrecer aos nosos visitantes unha información axeitada sobre a nosa cidade e os seus recursos turísticos. Dende o Concello tudense continúa o traballo na promoción da nosa cidade, como testemuña a recente presenza, xunto coa Cámara Municipal de Valença, na Expogalaecia; unha experiencia na que colaboraron activamente numerosas empresas do sector da nosa localidade. Para Raquel Lorenzo este traballo conxunto é un camiño seguro para consolidar o sector turístico na nosa cidade.

Sem comentários:

Enviar um comentário