segunda-feira, 21 de novembro de 2011

O alcalde recibiu aos profesores de Canarias, Andalucía e Asturias que realizan un intercambio, ao abeiro do proxecto ARCE, co CRA Mestra Clara Torres de Tui



O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, acompañado do xefe Territorial de Educación, César Pérez Ares, da concelleira de Educación de Tui, Vanesa Rodríguez, e dos edís José Angel Villaverde e Nicolás Lorenzo Montes, recibiu hoxe venres ao mediodía a un grupo de nove profesores que participan no proxecto ARCE xunto co CRA de Tui.
Estes profesores proveñen de Canarias, Andalucía e Asturias e pertencen tanto a Colexios Rurais Agrupados, coma a Colexios de Infantil e Primaria. Durante dous anos traballan nun proxecto de “Visibilización do patrimonio cultural e natural” en cada unha destas localidades pondo en común os resultados.
Na recepción celebrada no Concello a concelleira de Educación amosou o seu agradecemento de que, ao través do CRA Mestra Clara Torres, Tui participe neste proxectos que entrelaza a cultura de distintos lugares. Indicaba que este tamén é un xeito de promocionar a cidade, e que os nenos que participan no mesmo no futuro serán tamén turistas que quererán volver a estes enclaves.
A directora do CRA, Teresa Domínguez, indicaba que é un privilexio poder participar nestes proxecto que supón paso máis no proceso de vida do colexio, xa que primeiro abriron as portas á familia, logo á sociedade tudense e agora fano a outras comunidades autónomas para constituír comunidades de aprendizaxe. Este, dicía, é o principio dunha travesía que estaba certa que vai ser fermosa e lles vai permitir aprender xuntos.
Teresa Domínguez amosaba o seu agradecemento ao Centro de Iniciativas Turísticas do Baixo Miño, á Confraría do Bo Xantar e ao Remesal pola súa dedicación e entrega con esta visita dos profesores do proxecto, así coma ao Concello de Tui.
O xefe Territorial de Educación, César Pérez Ares, referíase en primeiro lugar ao CRA Mestra Clara Torres, do que dicía que está avalado polos seus éxitos, o seu traballo, dedicación e esforzo continuo. Por outra parte indicaba que dende a xefatura territorial neste momento tratan de avalar este tipo de proxectos, como o ARCE entre distintas comunidades autónomas. Dicía que é moi interesante pedagoxicamente porque permite a convivencia entre centros educativos de distintas comunidades autónoma sen ámbitos distintos, dende apropia experiencia e dende o traballo en equipo así coma en distintos ámbitos.
Por último o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, apuntaba que no campo da educación se poden facer moitos campos. E explicaba que Tui é unha cidade moi rica en patrimonio, pero tamén unha cidade de acollida coma demostran os máis de 800 inmigrantes e emigrantes que viven aquí.E tamén se refería a condición fronteiriza da cidade, e ao premio Entreculturas recibido recentemente. Todo isto explicaba que se traduce tamén as aulas onde conviven perfectamente nenos de distintas nacionalidades. En referencia ao CRA Mestra Clara Torres apuntaba que detrás do mesmo hai “un equipo de persoas que traballar para isto saia adiante” e indicaba que tratarán de non defraudar as expectativas que teñen creadas.

Sem comentários:

Enviar um comentário