A cidade de Tui será a sede oficial do “8º Congreso Internacional de Molinología” organizado pola Asociación Galega de Amigos do Muiños (Asgamui) e a Asociación para la Conservación y Estudios de los Molinos (ACEM) coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui.
A temática deste oitavo congreso estará centrada en “Innovación e ciencia no patrimonio etnográfico” e reunirá na nosa cidade entre os días 28 e 30 de abril de 2012 a cerca de dous centenares de especialistas en molinoloxía procedentes de toda a Península Ibérica e doutros países europeos.
Na nosa cidade terán lugar as sesións científicas coa presentación de relatorios e comunicacións por destacados especialistas nestes temas e vinculados ao estudo da cultura e a tecnoloxía tradicional e popular. Se completa o programa con senllas visitas a dous enclaves relacionados co mundo dos muíños: os conxunto de muíños do Picón e do Folón, no Concello do Rosal, e os muíños do Concello de Meaño xunto aos de Ribadumia, Meis e Cambados, na comarca do Salnés.
Este Congreso Internacional, segundo os organizadores, pretende exaltar a cultura popular e o patrimonio etnográfico como manifestacións materiais que levan implícito o selo inequívoco dun modo de vivir e de ser que pretendemos sexa coñecido, recoñecido, respectado e valorado polas xeracións actuais e vindeiras. É evidente que o carácter Internacional do Congreso permite o encontro de diversas culturas unidas pola molturación do gran e a utilización das enerxías tradicionais.
A celebración deste evento foi acordada no último congreso internacional de molinoloxía celebrado en Zamora, hai agora dous anos, ao resultar gañadora a candidatura presentada pola Asociación Galega de Amigos dos Muíños. Este Congreso da continuidade aos celebrados anteriormente en cidades como Zamora, Córdoba, Ciudad Real, Tarrasa ou Santiago de Compostela. Neste oitavo congreso colabora tamén a Universidade de Vigo.
O Concello de Tui, en palabras da concelleira de cultura, acolle con gran satisfacción a elección da nosa cidade como sede deste congreso que contribuirá positivamente á divulgación de Tui e dos recursos culturais e patrimoniais. Vanesa Rodríguez Pereira salienta que a celebración deste Congreso será unha oportunidade para amosar o traballo que no noso municipio tense levado adiante, nos últimos anos, en relación co patrimonio etnográfico e a súa posta en valor; así o Concello de Tui por medio do Obradoiro de Emprego está na actualidade traballando nesta liña na creación e mantemento do sendeiro ambiental que percorre 18 quilómetros do noso concello poñendo en valor diversos lugares de interese etnográfico ou en datas vindeiras realizará unha intervención nos miños do río Tripes.
Os interesados en participar, na presentación de comunicacións, etc. teñen accesible a información na páxina web do congreso: http://www.asgamui.com/congreso/index.php
Sem comentários:
Enviar um comentário