O grupo municipal do PSG-PSOE ten criticado nunha nota de prensa a inmediata execución das obras de humanización das rúas Martínez Padín e Colón que acomete o Concello ao abeiro do Plan Ágora da Consellería de Economía e Industria pois entenden que non “significan unha dinamización do comercio local”.
O goberno municipal, tudense quere informar á opinión pública ao respecto logo desta nota que evidencia o seu descoñecemento deste asunto. Trátase das obras de “humanización e mellora da accesibilidade ao centro comercial aberto nas rúas Colón e Martínez Padín” recentemente adxudicadas pola Xunta Local de Goberno cun importe de 179.600,00€ e que posibilitaran mellorar substancialmente estas dúas céntricas rúas da nosa cidade. O Concello de Tui quere agradecer á Consellería de Economía e Industria o seu apoio e a súa achega imprescindible para acometer esta intervención que testemuña o seu importante compromiso coa nosa cidade.
Diante destas irresponsables manifestacións por unha banda, compre reseñar que esta obra é froito dunha subvención concedida pola devandita Consellería ao abeiro da solicitude presentada hai xa varios meses por este Concello e que da continuidade a outras obras similares acometidas en anos anteriores. A súa non execución implicaría á perdida da subvención, non mellorar a accesibilidade e capacidade de atracción destas rúas e non promover o emprego local, pois esta obra incide tamén na contratación de operarios por parte da empresa adxudicataria.
En segundo lugar, as obras de humanización da rúa Colón e Martínez Padín veñen a completar o proxecto, que no noso concello leva xa varios anos en execución, de creación dun centro comercial aberto no que estas obras de mellora das beirarrúas, accesos, etc. constitúen un factor fundamental ao posibilitar a accesibilidade aos comercios e servizos existentes neses ámbitos ao tempo que melloran a calidade de vida urbana o que implica un incremento da capacidade de atracción destas zonas.
Rexeitar estas obras sen ofrecer unha alternativa concreta exclusivamente en base a enumeración de principios xerais é un exercicio de demagoxia inaceptable que unicamente lograría perder estes investimentos. O Concello de Tui con estas obras pretende pois mellorar a accesibilidade e as condicións urbanas de dúas importantes rúas do centro da nosa cidade onde se atopan numerosos comercios. En anteriores anos foron acometidas obras en rúas como Paseo da Corredoira, Augusto G. Besada, Rosa Bahamonde, Foxo, Lugo, Compostela, Betanzos, Ourense, etc. Resultando pois imprescindible completar esta mellora urbana coa humanización destas dúas rúas Martínez Padín e Colón, xa que os veciños, usuarios e comerciantes de ambos viais demandaban tamén estas obras de mellora.
Todos os tudenses e visitantes poden comprobar como estas obras de humanización que vén promovendo o Concello nos últimos anos teñen contribuído eficazmente a promoción do comercio local, como se pode testemuñar en rúas como Rosa Bahamonde, Ourense, etc. que dende a realización destas obras posúen una actividade comercial moito máis ampla.
Finalmente, este Concello mantén permanentemente aberto o diálogo coa Asociación de Comerciantes de Tui e cos outros sectores e colectivos vinculados ao comercio local como queda en evidencia nas numerosas actividades de colaboración mutua que se realizan.
Para o goberno municipal, segundo a concelleira de comercio Raquel Lorenzo Pimentel, o comercio é un dos principais eixes da vida económica e social de Tui e dende o Concello se traballa para a súa potenciación e promoción como quedou patentizado, por exemplo, na recente creación da Mesa Local de Comercio como órgano para a participación de todos os sectores implicados neste ámbito, tanto públicos como privados e onde se poden abordar novos proxectos para a promoción do comercio local.
Sem comentários:
Enviar um comentário