Mañá sábado día 26 de novembro comeza ás 10:00 horas o taller de agricultura ecolóxica que organiza a Aula UNED de Tui cun acto de apertura que contará coa asistencia do Alcalde do Concello de Tui D. Moisés Rodríguez Pérez, a concelleira de educación, Vanesa Rodríguez Pereira e a coordinadora da Aula da Uned de Tui, Margarita Pino Juste.
Son máis de 50 os alumnos matriculados neste “Talles de agricultura ecolóxica”, con predominio de mulleres, e que forma parte das actividades de extensión universitaria que desenvolver a Aula da Uned de Tui, completando así a súa oferta de formación.
Logo deste acto de inauguración, comezará o traballo deste obradoiro dedicando a xornada a coñecer as distintas técnicas de poda e enxerto aplicadas á vide, así como o chan máis adecuado para a plantación de cada variedade ou as épocas de realización de cada traballo entre outras. Por iso o curso celebrarase nas Adegas REMESAL S.A. da man do seu propietario D. José Álvarez Rei. Estas adegas que comezaron o seu funcionamento en 1987 (ano en que comeza a reconversión de pequenos minifundios do Val Remesal no que sería o viñedo actual) están localizadas a só tres qm da sede da aula UNED de Tui.
Ao ser Tui un Concello cunha ampla tradición vitivinícola, e contar con algunhas adegas integradas no Consello Regulador Denominación de Orixe Rías Baixas, ofrécese dunha maneira práctica a posibilidade de formarse no coidado da vide.
O día 16 de decembro continuarase coa actividade xa na sede da Aula da Uned, no antigo convento de San Domingos, onde o enxeñeiro agrónomo Sergio Quiroga, da empresa Ecocelta, demostrará as vantaxes do uso de abonos orgánicos e o proceso de fabricación dos mesmos. De feito, este mozo emprendedor ten posto en marcha unha empresa que se dedica desde o ano 2003 á fabricación de abonos orgánicos e substratos para xardinería a través da lombricultura. Algúns dos seus innovadores servizos son: xestión ambiental, educación ambiental, aplicación de abonos e asesoramento integral e loxística neste ámbito.
E por último, o día 17 de decembro a bióloga e profesora da aula Uned de Tui, Concepción Rodríguez Álvarez, falaranos das estratexias e métodos para o control de pragas e enfermidades en agricultura ecolóxica, ademais ensinarase a recoñecer as principais especies de artrópodos beneficiosos para a agricultura ecolóxica.
Ademais ese mesmo día,como peche das actividades, realizarase nas adegas Remesal un cursiño de cata co fin de ofrecer os coñecementos necesarios a todas aquelas persoas participantes neste “taller” achegalos ao coñecemento do mundo dos viños, como parte da formación deste obradoiro.
Sem comentários:
Enviar um comentário