quarta-feira, 30 de novembro de 2011

VISITA DO CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN A DIVERSOS CENTROS EDUCATIVOS TUDENSES


No decurso desta mañá o conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Xesús Vázquez Abad, visitou diversos centros educativos da nosa cidade para coñecer directamente estes equipamentos docentes e as súas necesidades.
Pero antes de comezar este percorrido o Conselleiro cumprimentou ao alcalde de Tui no seu despacho onde mantiveron un primeiro cambio de impresións sobre diversos aspectos de interese mutuo. En concreto, o Alcalde informoulle que nos vindeiros días culminará o procedemento administrativo para a adquisición por parte do Concello da finca A Lagarteira co obxectivo de construír na mesma o novo centro educativo para a parroquia de Pazos de Reis que veña a substituír ao actual centro de A Porteliña completamente insuficiente para as necesidades educativas. O Concello de Tui investirá nesta adquisición máis de 700.00 euros amosando o seu compromiso pola mellora dos equipamentos educativos.
O alcalde, Moisés Rodríguez Pérez, e a concelleira de Educación, Vanesa Rodríguez Pereira, acompañaron ao Conselleiro e ao Xefe Territorial de Educación, Cesar Pérez Areas, nas visitas efectuadas á sede do Colexio Rural Agrupado e dos CEIP nº 2 e nº1 de Tui. Estudaron nestes centros as súas necesidades e visitaron as instalacións dos mesmos para coñecer directamente o seu estado.
Por último, o alcalde rogoulle ao Conselleiro que fora do programa establecido visitase o futuro emprazamento da Escola Infantil para estudar o acceso que comparte co IES San Paio, así como os terreos da Lagarteira e o actual CEIP da Porteliña en Pazos de Reis con máis de cincuenta anos de existencia. Deste xeito, afirma o rexedor tudense o Conselleiro comprobou directamente a necesidade de acometer a construcción deste novo centro educativo que mellorará substancialmente as condicións desta comunidade educativa de Pazos de Reis.
Moisés Rodríguez agradeceulle ao Conselleiro a deferencia que tivo co Concello de Tui ao permitir que esta visita, organizada pola propia Consellería, fose ampliada con outros puntos de interese municipal. O conselleiro de Educación acolleu favorablemente a petición do alcalde de realizar en datas vindeiras unha visita institucional ao Concello de Tui para abordar os diversos asuntos de interese mutuo entre ambas institucións.

Sem comentários:

Enviar um comentário