quarta-feira, 2 de novembro de 2011

O VINDEIRO MARTES COMEZA UN CURSO DE “COIDADO DE PERSOAS MAIORES NO FOGAR” DO PROGRAMA ACTÍVATE DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA EN TUI


A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Tui informa que este mércores, 2 de novembro, dará comezo o curso de “Coidado de persoas maiores no fogar” impartido na nosa cidade dentro do Programa Actívate da Deputación de Pontevedra, e no que participarán preto de 30 alumnos.
O curso terá unha duración de 30 horas, e impartirase nas Aulas da UNED – Tui, en horario de mañá.
A través destes cursos formativos, especialmente dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos, preténdese potenciar a súa integración no mundo laboral, acadar un maior enriquecemento cultural e persoal, fomentar a cultura entre os mozos e mozas e facilitar a autonomía e o acceso ó mercado laboral de quen desexe orientar o seu futuro en relación coas actividades ofertadas, ademais de favorecer o traballo en equipo, fomentar as relacións e servir de punto de encontro entre eles.
Esta nova acción formativa que leva adiante a Concelleria de Servizo Sociais completa a oferta que ven realizando nesta materia e que foi desenvolvida anteriormente, como foi o curso de corte e confección ao abeiro tamén do programa Actívate, o de "Acceso ás novas tecnoloxías na busca activa de emprego", realizado xuño / xullo na Aula CeMit, dirixido especialmente a mozos en risco de exclusión social e un curso de "Iniciación ao castelán" que se realizou en outubro nas aulas da UNED, dirixido a mulleres estranxeiras, e que contou coa subvención da Secretaría Xeral de Emigración e do Ministerio de Trabajo e Inmigración.
Con esta oferta de formación a Concellería, que dirixe Raquel Lorenzo Pimentel, impulsa a formación das mulleres e dos mozos e mozas do noso municipio tentando deste xeito favorecer a súa integración no mundo laboral e profesional.

Sem comentários:

Enviar um comentário