Os cidadáns poderán enviar, a calquera hora do día e durante os 365 días do ano, as súas queixas ou peticións ó Concello de Tui
O Concello de Tui presentou hoxe, ás 12 do mediodía, unha aplicación e unha páxina web destinadas á colaboración cidadá. A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de novas tecnoloxías e comunicación, Laureano Alonso.
A función deste servizo é procurar ampliar o marco de relacións entre a administración municipal e a cidadanía, co obxectivo de facilitar o acceso á información e resolver as súas dúbidas. Ademais, o cidadán poderá obter información actualizada e precisa, evitando desprazamentos innecesarios mediante a utilización da aplicación ou da páxina en Internet.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, deu conta que estas dúas ferramentas requirirán a atención máxima dos concelleiros e tamén do alcalde, xa que terán a responsabilidade de responder coa maior dilación posible as peticións da cidadanía.
Pola súa banda, o concelleiro de novas tecnoloxías, Laureano Alonso, deu conta que o funcionamento da APP é moi sinxelo, xa que a través duns ítems poderase ver se está resolto o problema ou dúbida, e isto tamén servirá para avaliar a calidade do servizo. Ademais, xunto coa queixa ou suxestión, o cidadán poderá enviar unha foto, xunto coas coordenadas en gps.
Tanto Enrique Cabaleiro como Laureano Alonso quixeron resaltar a importancia desta medida, xa que os cidadáns disporán a partires de hoxe dunha fiestra directa de comunicación co Concello.
A aplicación pode descargarse totalmente de balde no Play Store, e proximamente estará dispoñible para o sistema IOS buscando “Colaboración Ciudadana Tui”. Para comezar a usar a ferramenta, os usuarios terán que darse de alta achegando o seu nome, número de teléfono, dirección de correo electrónico e contrasinal. Unha vez remitida a incidencia, os usuarios recibirán as oportunas actualizacións do estado da súa petición, e no seu teléfono móbil quedarán rexistradas as súas contribucións.
Pola súa banda, a páxina www.colaboracioncidada.concellotui.org tamén permitirá a través da web enviar dúbidas e suxestións. Con estas dúas ferramentas, os cidadáns poderán dar conta das súas peticións durante as 24 horas do día e os 365 días do ano de forma directa coa administración.
Sem comentários:
Enviar um comentário