A pasada fin de semana celebráronse diferentes campionatos de España, nos que os deportistas tudenses tiveron unha excelente actuación, obtendo catro medallas de ouro, dúas de prata e unha de bronce.
Así, no Campionato de España Absoluto de Atletismo celebrado en Castellón, o tudense Frank Casañas, proclamouse Campión de España en lanzamento de disco, cunha distancia de 61.48 metros. Neste mesmo evento, na proba dos 1.500 metros feminino, a tudense Leticia Fernández obtivo a 11ª posición, nunha proba na que se proclamou campioa Solange Pereira, madriña da terceira edición da Eurocidade 10.
Pola súa banda, no Campionato de España de Slalom Olímpico de Piragüismo, que se celebrou esta fin de semana no Canal de Orthez (Pirineos Atlánticos, Fracia), os deportistas do Club Piragüismo Penedo obtiveron dúas medallas de ouro, dúas de prata e unha de bronce. Así, Luís Fernández e Ainhoa Lameiro, proclamáronse Campións de España en C1, en categorías xuvenil e cadete, respectivamente. Miguel Ángel Oliveros, na categoría C1 cadete, obtivo a medalla de prata. E na modalidade de patrullas, o equipo formado por Miguel Ángel Oliveros, Michael Lorenzo e Daniel Núñez, acadaron a medalla de prata en C1 cadete e a de bronce en K1 cadete. Con estes resultados, o Club Piragüismo Penedo obtivo a 5ª posición neste Campionato de España de Slalom Olímpico de Piragüismo.
Por último, a esquiadora do Club Náutico San Telmo, Silvia Leiras, conseguiu ser Campioa de España na proba celebrada a pasada fin de semana no encoro de Seseña, en Toledo. A esquiadora de categoría infantil, que na xornada do sábado rematou en cuarta posición, tivo que facer unha remontada na última manga, proclamándose Campioa de España.
O Concello de Tui felicita a todos eles, polos magníficos resultados obtidos nos diferentes Campionatos de España, que fan que, unha vez máis, a nosa cidade se encontre ao máximo nivel deportivo nacional.
Sem comentários:
Enviar um comentário