A directora de Turismo de Galicia inaugurou hoxe na Catedral de Tui a exposición -Belenes del Mundo- que acolle máis de 400 conxuntos procedentes de distintos países
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que hoxe inaugurou na Catedral de Tui a exposición ‘Belenes del mundo', salientou durante a súa intervención que as actividades lúdicas que se desenvolven no Nadal contribúen "de modo efectivo á posta en valor dos nosos monumentos e as nosas tradicións ao mesmo que tempo que supoñen un elemento dinamizador da vida local e un gran reclamo turístico".
A Catedral e a cidade de Tui, manifestou Nava Castro, preparan cada ano multitude de actividades relacionadas co Nadal que, "sen dúbida dinamizan a vida da cidade e deste templo, un dos principais enclaves patrimoniais de Galicia e a entrada do Camiño Portugués".
Mostra disto, engadiu a directora de Turismo de Galicia é a exposición que inaugurou hoxe e que acolle máis de 400 beléns procedentes de todas as partes do mundo, "conformando un percorrido que traspasa fronteiras, continentes, culturas e relixións".
Tradición belenística
Segundo explicou Nava Castro, Galicia atesoura unha gran tradición belenística que inclúe diferentes mostras distribuídas polas catro provincias.
Entre elas, a directora de Turismo de Galicia citou o Belén electrónico de Begonte, en Lugo, e o Belén artesanal en movemento de Valga, en Pontevedra, ambos os dous de declarados de interese turístico; ademais de recoñecidos conxuntos históricos como o Belén da Grande Obra de Atocha, na cidade da Coruña, o Belén do Liceo de Betanzos, o Belén da Orde Terceira, en Ferrol, oi Belén de Viveiro, o Belén da Catedral de Santiago o o de Arturo Baltar, en Ourense.
Para Nava Castro, estas manifestacións culturais, "tan enraizadas nos costumes dos pobos e as vilas de Galicia constitúen un dos grandes atractivos da nosa Comunidade autónoma, que nos diferencian como destino e que converten a visita dos viaxeiros nunha experiencia única".
Os beléns compleméntanse no Nadal galego, segundo explicou Nava Castro, cos mercados específicos desta tempada, as actividade de lecer así como as mostras de artesanía, que constitúen importantes reclamos que outorgan un valor engadido á visita do destino Galicia nestas festas e que atraen numerosos turistas que aproveitan para coñecer outros grandes atractivos das vilas nas que se atopan.
Xubileo Extraordinario da Misericordia
Por último, a directora de Turismo de Galicia referiuse á celebración do Xubileo Extraordinario da Misericordia e, con este motivo, á apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago e as das outras basílicas da Comunidade, entre as que se atopa a de Tui.
Para Nava Castro, "este feito abre Galicia ao mundo converténdoa no epicentro das peregrinacións".
Desde a Xunta de Galicia, rematou a directora de Turismo de Galicia, "preparámonos para este novo acontecemento que enxalzará os valores do Camiño antes da próxima cita xubilar xacobea do 2021".
in Infomiño
Sem comentários:
Enviar um comentário