Despois da intrigante visita á muralla do Monte Aloia decateime de que estaba ante outro Castelo Baleiro, moi similar ao Castro Valente de Padrón. Unha zona escura da nosa Historia por estudar, malia conter os recintos arqueolóxicos de máis grande estensión do patrimonio histórico de Galicia, así de claro. En concreto, ao contrario do que afirmei no post do Monte Aloia, a muralla desta montaña tudense é considerablemente máis grande en estensión que a Muralla de Lugo (2 quilómetros). Esta ten máis de tres. Estamos falando destas cifras, señores.
O caso é que Xenome recomendoume un libriño no que había máis información sobre a muralla: O Tui Antigo: unha aproximación histórica-arqueolóxica, da arqueóloga Silvia González Soutelo. Nel fálase das interesantísimas evidencias sobre a mansión e o castellum Tyde, o poboamento romano deste importante porto, porta da Gallaecia. Tamén da suposta localización do pazo dos reis suevos que levaron a capital do reino ata aquí. E, por suposto, fálase da muralla. Hai unha detallada descrición, un valioso plano que localiza os elementos máis interesantes do recinto, os lugares nos que está mellor conservada e os grandes sillares de pedra suben máis de tres metros, tamén as estrañas atalaias que sobresaen da muralla, os torreóns. Recolle unha referencia ao estado no que se atopaban as ruínas no ano 1610, cando un cronista local alude a elas co mesmo misterio, distancia e ignorancia que hoxe temos respecto delas, o mesmo que acontece en Castro Valente cando aluden a el os investigadores do XIX. Ese cronista, P. Sandoval, por certo tamén fala de que a muralla ten cubos (que hoxe non se localizan, pero tamén me lembrou a Castro Valente). Pero no 1610 o cronista de Tui non sabe nada da súa orixe. Importante.
O capítulo achega moita información descritiva, pero é sumamente cauteloso, ante a falta de evidencias arqueolóxicas que permitan afinar a cronoloxía. González Soutelo establece a súa cronoloxía posible “entre o periodo de crise do Imperio Romano (…) ata o século XV” (mil anos de nada, non está mal!). Ou sexa, non temos moita idea. Nin diso nin da súa función. ¿Era unha protección militar?¿Era o límite dun territorio sagrado centrado na actual ermida de San Xulián? Non o sabemos. Hai uns anos fixéronse unhas catas arqueolóxicas na muralla e en varios recintos anexos, pero como é habitual neste país, non se publicaron os resultados. A outra referencia valiosa da arqueóloga é a documentación doutros dous recintos similares en lugares próximos: o Faro de Budiño e o monte Galiñeiro. Non habemos tardar moito en visitalos.
in Capitulo Cero
Sem comentários:
Enviar um comentário