O Concello de Tui colabora nunha actividade de integración deportiva entre os alumnos de Educación Infantil e Primaria do colexio CEIP nº2 de Tui e a Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral de Vigo, a APAMP.
Así, durante a mañá de hoxe, máis de douscentos alumnos do CEIP nº2, repartidos en dúas quendas diferentes, xunto con membros e monitores de APAMP, aprenderon a realizar dúas actividades deportivas adaptadas a persoas con discapacidade, a boccia e o slalom, no novo pavillón de deportes tudense. O vindeiro xoves 17 deste mes, outros douscentos alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria do CEIP nº2 volverán ó pavillón.
A boccia, cuxas orixes se remontan á Grecia Clásica, trátase dun complexo deporte, mestura de táctica e habilidade, que se pode xogar de forma individual ou por equipos. Os xogadores teñen que lanzar as súas bolas de cores o máis preto posible da pelota branca, que sirve de obxectivo, á vez que intentan afastar as bolas dos seus rivais. Pola súa parte, o slalom, trátase dun deporte no que o obxectivo é superar un número de obstáculos determinados no menor tempo posible.
O obxectivo destas actividades é fomentar nos máis pequenos valores como a tolerancia, o respecto ou a aceptación das persoas con discapacidade na sociedade.
Dende o departamento de Orientación do CEIP nº2, para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, están a levar a cabo diferentes accións de sensibilización. Así, os rapaces aprenderon diferentes casuísticas a través de películas e curtas, sobre a discapacidade. Asemade, realizaron manualidades que venderon no Mercado Solidario de Nadal do pasado domingo a favor da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia, a ASANOG.
Sem comentários:
Enviar um comentário