Vinte alumnos e alumnas do Obradoiro de Emprego “Descubre Tui”, concretamente dos módulos de “Promoción Turística Local e Información ó Visitante” e “Deseño Gráfico e Multimedia”, veñen de realizar unha viaxe no tren turístico da Eurocidade no seu traxecto de Tui a Valença, invitados pola concellería de Turismo de Tui.
O alumnado do Obradoiro está realizando desde o mes de setembro pasado distintas accións para impulsar o turismo en Tui e amosar os recursos patrimoniais que formarán parte dunha Guía de Turismo local. Asemade, o módulo de “Promoción Turística” estivo atendendo o Punto de Información da localidade e recompilando datos das empresas turísticas tudenses, co fin de editar material informativo dirixido ós turistas e excursionistas.
O percorrido no tren turístico da Eurocidade ten unha duración aproximada dunha hora, e estará en funcionamento para o público ata o vindeiro día 6 de xaneiro, dando a coñecer o casco histórico tudense e a Fortaleza de Valença, entre outros puntos de interese, e atravesando o río Miño pola Ponte Internacional.
O punto de saída do tren en Tui é a Praza da Inmaculada. Hai frecuencias todos os días ás 11.30h, 12.30h e 13.30h e pola tarde ás 16.30h e 17.30h. A duración do traxecto é dunha hora, e o prezo do billete é de 3 euros para os adultos, 2 euros para os grupos de dez persoas ou máis e 1,5 euros para os nenos menores de 10 anos.
Sem comentários:
Enviar um comentário