A Policía Local e o departamento de urbanismo serán os primeiros en ser reforzados, pois son os máis afectados pola falla de persoal
O Concello de Tui iniciará no próximo ano 2016 un proceso de contratación de persoal para cubrir as prazas vacantes, que son un total de 25, e que neste momento existen na plantilla de traballadores municipais. Deste modo, existen vacantes en diversos departamentos, pero será a Policía Local a primeira en verse reforzada coa contratación de dous policías que cubran as prazas libres que hai neste momento.
Na maioría dos departamentos do Concello de Tui existe un número de traballadores insuficiente para poder dar un servizo de calidade ós veciños. Por este motivo o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, comunicou que trala reunión da mesa de negociación, e unha vez informados os representantes sindicais dos traballadores do Concello, no vindeiro exercicio o actual goberno porá en marcha un proceso de contratación de persoal e promoción interna.
Nos últimos anos a política de persoal do Concello de Tui baseouse na contratación temporal, deixándose sen cubrir, xa que logo, as vacantes que se producían na plantilla. A isto sumáronse as restricións impostas polo goberno central á hora de contratar traballadores, o que ocasionaron que o Concello de Tui actualmente estea falto de persoal para poder dar un servizo axeitado ó tamaño e á importancia do municipio.
A ampliación comezará nos departamentos da Policía Local e urbanismo
É de especial relevancia, pola incidencia que ten na vida diaria dos veciños, a situación que vive a Policía Local, cun número de efectivos claramente insuficientes para desenvolver con garantías o seu traballo. A falla de traballadores agrávase nas noites das fins de semana, debido ó elevado número de problemas de orde pública que teñen lugar nas rúas de Tui.
Ademais da Policía, tamén se pretende contratar a dous técnicos de reforzo para o departamento de urbanismo, dado a que nestes momentos tamén soporta unha gran carga de traballo, e sobre todo, dunha acumulación de asuntos pendentes, coma informes ou reclamacións xudiciais ás que actualmente non lle poden dar a debida resposta.
O alcalde da cidade, Enrique Cabaleiro, considera de vital importancia a recuperación do emprego público e a dotación do persoal necesario en cada un dos departamentos, para asegurar o correcto funcionamento do Concello
Sem comentários:
Enviar um comentário