Serán dúas xornadas de convivencia e deporte entre o alumnado de 5º e 6º de Primaria dos colexios nº1, nº2 e Pazos de Reis
A realización de actividades deportivas en pleno contacto coa natureza e propiciar a convivencia entre o alumnado de distintos centros son parte dos obxectivos da Aloiada 2016. Esta actividade, que chega a súa novena edición, está organizada polos CEIP’s nº1, nº2 e de Pazos de Reis de Tui coa colaboración do Concello de Tui. A presentación realizouse esta mañá na casa do concello polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de deportes, Laureano Alonso, o director Manuel Fálquez, e o profesor de educación física, Fernando Domínguez, do CEIP de Pazos de Reis, a directora Cristina Novoa e o profesor de EF Alberto López polo CEIP Nº1, polo seu director, Luís Herminio Ruíz, e a profesora de EF, Beatriz González do CEIP Nº2.
Aínda que inicialmente esta prevista para este xoves e venres debido ás previsión de choiva a Aloiada celebrarase finalmente o próximo luns 20 e martes 21 de xuño. Na mesma van participar máis de 120 alumnos dos CEIP’s nº1, nº2 e de Pazos de Reis que realizarán actividads deportivas no Parque Natural do Monte Aloia, na serra do Galiñeiro e no río Miño.
Na presentación desta mañá o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, lembrou que Tui é un dos concellos de Europa con maior extensión de Rede Natura e conta co primeiro parque natural de Galicia de aí a importancia da implicación da comunidade educativa no coñecemento do medio no que se desenvolve para que o valoren e o respecten. Mentres o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, destacou que esta actividade é moi significativa porque ilustra coma os máis novos se inician na práctica deportiva. Felicitaba aos profesores e aos centros educativos por esta iniciativa.
O CEIP de Pazos de Reis súmase por primeira vez a esta iniciativa, coma explicaba o seu director, Manuel Fálquez. Destacaba amais coma esta actividade propiciará a convivencia entre o alumnado dos tres centros educativos. No mesmo senso se pronunciou a directora do CEIP nº1, Cristina Novoa, salientando que o próximo ano estes alumnos compartirán clases xa no instituto. Luís Ruíz, director do CEIP nº2 fixou coma reto de cara a edicións vindeiras estender esta actividade a todos os centros educativos do municipio.
Os profesores de Educación Física salientaron a realización destas actividades en plena natureza. Fernando Domínguez do CEIP de Pazos de Reis aludía a que esta será unha experiencia inesquecible para os cativos que terán a oportunidade de realizar actividades deportivas que non practican habitualmente. Alberto López do CEIP nº1, salientou coma neste caso aproveitan os recursos naturais con que se conta en Tui realizando actividades lúdicas disfrutando da natureza. Beatriz González do CEIP nº2 explicou que no programa están previstos obradoiros de escalada/rapel, primeiros auxilios, orientación ou nós, así coma unha marcha entre o Galiñeiro e o Aloia, a acampada no cumio do Aloia, e o descenso pola sendas do parque natural ata os muíños de Tripes e a beira do río onde practicarán piragüismo e remo en colaboración cos clubs locais.
Sem comentários:
Enviar um comentário