O deporte volve a ser protagonista esta fin de semana na Eurocidade Tui-Valença con dous eventos destacados que se van celebrar nos pavillóns de deportes das dúas cidades. Trátase do II Campionato de Judo Eurocidade que se celebrará o sábado no pavillón de deportes de Valença e do III Campionato Ibérico de Kung-Fu Eurocidade que se disputará no novo pavillón de deportes de Tui o domingo. Os dous foron presentados esta mañá na casa do concello de Tui.
Os concelleiros de Deportes de Tui e de Valença, Laureano Alonso, e José Monte, destacaron a estreita colaboración no ámbito deportivo das dúas cidades coa celebración de 30 actividades ao longo do ano en 19 modalidades deportivas, salientando ao tempo a colaboración de todos os clubs e entidades deportivas da Eurocidade.
O concelleiro de Deportes de Tui, Laureano Alonso, fixo amais fincapé na repercusión positiva que este tipo de eventos deportivos teñen tanto para o turismo coma para a economía local.
Con respecto ao II Campionato de Judo Eurocidade que se celebrará o sábado dende ás 12.30 hora española no pavillón de deportes de Valença a presidenta do Judo Club Valença, Argentina Sousa, destacou que van participar 200 deportistas das categorías xuvenil e cadete, pertencentes a 9 asociacións e 30 clubs, 23 de Portugal e 7 de España.
O adestrador do Judo Club Valença, Rui Ferreira, destacou a implantación que o judo está a ter en Valença con 150 deportistas federados, e os pasos que se están dando tamén en Tui co Judo Club Tudense.
O domingo a cita será dende ás 10.30 hora española no novo pavillón de deportes de Tui co III Campionato Ibérico de Kung-Fu Eurocidade, con entrada gratuíta. Serán algo máis de 2 horas dun espectáculo deportivo moi dinámico nas modalidades de KugFu Tradicional e Moderno e cunha exhibición de Tai-Chi no que participarán máis de 300 deportistas, gran parte deles premiados en campionatos nacionais e internacionais.
Carlos Alonso, presidente da Federación Galega de Kung-Fu, explicou que eventos coma este contribúen no reto de dotar ao Kung Fu de carácter internacional. Aaron Blanco, responsable de Kung-Fu Moderno, destacou a presenza de campións nacionais tanto de España coma de Portugal; e Jose Antonio Parada, director do departamento de Tai-chi, explicou que farán unha demostración tanto de Tai-Chi coma de Chui-Kung.
Eduardo Méndez Sanjurjo, director do Campionato, destacou a espectacularidade da proba e o sistema de competición que se desenvolverá en pouco máis de dúas horas ao realizarse varias probas de xeito simultáneo. Entre os participantes salientou aos deportistas locais Ángel Barros e Yasmina Mauricio, que suman máis de 40 campionatos de España.
Sem comentários:
Enviar um comentário