Do 4 ao 8 de xullo as instalacións deportivas municipais Álvarez Durán acollerán o Campus de Fútbol da Fundación Celta de Vigo en colaboración co Concello de Tui e o Tyde. Vai dirixido a rapaces e rapazas entre os 4 e os 16 anos que se poden inscribir ata o 1 de xullo ao través da web www.fundacioncelta.com. O prezo por participante é de 130 euros, salvo para os xogadores do Tyde F.C. que aboarán 115 euros. As clases de luns a xoves serán de 10 a 14h e o venres de 10 a 18h, incluíndo o xantar e a festa fin de campus á que poderán asistir tamén as familias.
Esta mañá foi presentado o Campus na casa do concello de Tui polo concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, o presidente do Tyde F.C., Elias Vieiro, o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta e o responsable das escolas do Celta en Galicia, Diego García.
Laureano Alonso, concelleiro de Deportes, destacou que para o Concello é unha honra poder contar con esta colaboración co Celta e o Tyde, ao tempo que salientou a oportunidade que o Campus representa para mellorar as condicións técnicas do participantes.
Elías Vieiro, presidente do Tyde F.C., explicou que o ano pasado na primeira edición desta actividade en Tui contaron con 25 participantes, cifra que agardan superar este ano xa que é unha oportunidade para rapaces e rapazas de chegar mellor preparados e formados ao comezo da nova temporada.
O director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, destacou que cada participante recibirá unha equipación, e agradeceu a colaboración tanto do Concello coma do Tyde, que fan que se sintan en Tui coma na casa. O responsable das escolas do Celta en Galicia, Diego García, foi o encargado de dar os detalles técnicos explicando que haberá catro áreas nas que traballarán os cinco días do Campus: coordinación e psicomotricidade, técnico-táctico, multideporte e competicións individuais e colectiva. O mércores amais avanzaba que terán algunha sorpresa.
Sem comentários:
Enviar um comentário