sexta-feira, 15 de julho de 2011

O ALCALDE AGRADECE AS XESTIÓNS REALIZADAS SOBRE A CONEXIÓN FERROVIARIA DE TUI PERO INSISTE EN LOGRAR UN SERVIZO ADAPTADO AOS REQUERIMENTOS DO SÉCULO XXI


O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, ten escrito esta semana aos diversos responsables de Comboios de Portugal e de Renfe así como aos cargos da Xunta de Galicia e Gobernos de España e de Portugal, expresando o seu agradecemento á decisión adoptada de non suprimir o servizo ferroviario que une á cidade de Tui con Porto e Vigo, onde todos amosaron a súa sensibilidade a esta xusta reivindicación de tudenses e valencianos.
A carta do alcalde tudense foi dirixida ao Presidente de Comboios de Portugal, o Secretario de Estado de Obras Públicas de Portugal, ao Presidente de Renfe, ao Secretario de Transportes e ao Ministro de Fomento, así como ao Conselleiro de Medio Ambiente e ao Presidente da Xunta.
Pero ao mesmo tempo Rodríguez Pérez continúa expresando nestes escritos que “a nosa reclamación abrangue tamén á necesidade de lograr unha modernización desta liña ferroviaria acorde cos tempos actuais. Unha redución substancial da súa duración e unha ampliación de frecuencias estou convencido que dotará de atractivo a esta liña entre Porto e Vigo acadando a súa rendibilidade económica. Cómpre unicamente ofrecer un servizo propio do século XXI. Esa é tamén a nosa reclamación. Confío que nun futuro breve poidamos contar cunha comunicación ferroviaria adaptada ás necesidades dos seus potenciais usuarios”. Lograr un servizo de cercanías que responda ás necesidades dos mais de 5000 usuarios que diariamente cruzan a fronteira en Valença e Tui e que son potenciais usuarios deste servizo de transporte por ferrocarril.
O alcalde tudense saúda e agradece as numerosas iniciativas que nestas xornadas téñense suscitado arredor desta conexión ferroviaria pois insiste que este tema transcende á esfera local ou tudense pois estamos diante dun asunto transfronteirizo e que afecta á cohesión da Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal e neste contexto cómpre valorar esta tema.
Dende o Concello de Tui ofrécese a colaboración precisa ás entidades responsables tanto de España como de Portugal para lograr que a nosa cidade conte cun servizo de transporte ferroviario en condicións que, ao tempo, garanta a mobilidade e cohesión da rexión transfronteiriza que conforman Galicia e o Norte de Portugal.

Sem comentários:

Enviar um comentário