Unha delegación oficial do municipio alemán de Versmold visita esta fin de semana o Concello de Tui para estudar os posibles ámbitos de colaboración entre estas dúas localidades. A delegación xermana está presidida polo alcalde desta cidade, Thorsten Klute, acompañado doutros tres concelleiros daquela corporación municipal xunto a dous técnicos, un intérprete e un funcionario.
Versmold é unha localidade de algo máis de 20.000 habitantes que pertence á rexión de Renania do Norte – Westfalia. Esta cidade é coñecida pola súa industria de charcutería de grande sona e tradición. Nesta zona asentouse, hai varias décadas, unha importante colonia de emigrantes da nosa contorna, singularmente da parroquia tudense de Paramos, que son agora os auténticos animadores deste encontro entre os responsables municipais de ambas localidades.
A delegación alemá chega a Tui mañá venres 8 de xullo e ás 21,00 horas haberá unha recepción oficial por parte do alcalde e a corporación tudense aos visitantes de Versmold.
Ao día seguinte, sábado 9 de xullo, desenvolvérase pola mañá unha xuntanza de traballo entre a delegación xermana e os representantes dos diversos grupos políticos que integran a Corporación Municipal tudense para estudar os posibles ámbitos de cooperación entre ambos municipios que poden levar, se fose o caso, a sinatura dun acordo de irmandade entre as dúas localidades.
Para o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, é un motivo de gran satisfacción recibir na nosa localidade a esta delegación de Versmold que xa tiña previsto acudir a Tui en meses pasados e que por diversas circunstancia houbo de adiar a viaxe. Para Tui este encontro é unha oportunidade de achegarse ao coñecemento doutras realidades locais favorecendo así a cohesión entre os diversos pobos de Europa e abre, en palabras do alcalde tudense, importantes expectativas de colaboración entre ambas localidades. Moisés Rodríguez quere agradecer moi especialmente o papel desenvolvido polos emigrantes tudenses en Versmold que teñen traballado con intensidade para facer realidade este encontro.
Sem comentários:
Enviar um comentário