O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, realizará mañá acompañado doutros membros da Corporación Municipal tudense e da Cámara Municipal de Valença do Minho, unha viaxe na liña ferroviaria que une Valença do Minho e Tui para simbolizar o seu rexeitamento ao peche desta comunicación que dende hai 125 anos une ambas cidades miñotas.
O Alcalde tudense tomará o tren na estación de Valença ás 11,15 horas de Tui e realizará o traxecto ata a estación tudense onde realizará unha rolda de prensa para amosar a súa oposición a esta medida que priva á cidade de Tui de conexión ferroviaria. O Concello tudense reclama tanto á empresa Comboios de Portugal como a Renfe e ao Secretario de Estado de Transportes de Portugal e ao Ministerio de Fomento que doten a esta cidade dun transporte ferroviario acorde co inicio do século XXI pois na actualidade segue mantendo os parámetros do século XIX.
Este carácter obsoleto do servizo ferroviario entre Porto e Vigo é a razón última da súa inviabilidade na actualidade; porén existe un mercado potencial de máis de 5000 persoas diarias que cruzan a fronteira entre Tui e Valença que se tivesen unha oferta axeitada utilizarían este medio de transporte.
Moisés Rodríguez Pérez sinala que o mantemento deste servizo de transporte ferroviario de viaxeiros é imprescindible para garantir a cohesión da Eurorexión Galicia e Norte de Portugal e amosar que estes proxectos serven á cidadanía procurando mellorar as súas condicións de vida, de comunicación e de cooperación.
Sem comentários:
Enviar um comentário