segunda-feira, 4 de julho de 2011

O ALCALDE DE TUI REÚNESE CO CONSELLEIRO DE PRESIDENCIA


O pasado mércores, 29 de xuño ,o novo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, mantivo unha xuntanza en Santiago de Compostela co Conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, no decurso da que realizaron un amplo repaso a diversos temas relacionados co noso municipio.
O Conselleiro felicitou, en primeiro lugar, ao alcalde polo excelente resultado acadado nos recentes comicios municipais onde alcanzou a maioría absoluta na nova Corporación Municipal.
O Alcalde expúxolle ao Conselleiro algunhas das principais demandas do Concello de Tui, en primeiro lugar, en relación ás competencias da súa Consellería: a construción dun novo pazo de Xustiza que acolla aos tres xulgados existentes, xa que como é o caso do nº 3 está nunhas condicións non idóneas para o seu funcionamento, a dotación dun vehículo de extinción de incendios para o casco histórico, o apoio á Protección Civil, etc.
Moisés Rodríguez Pérez aproveitou esta xuntanza para informar ao conselleiro, encargado da coordinación do goberno galego, doutros proxectos prioritarios para Tui como é a construción da Escola Infantil, o Centro de Día, a licitación no novo Centro de Saúde, as melloras na rede de abastecemento de auga, etc. Temas nos que o Conselleiro comprometeuse a impulsar ao entender o seu interese.
O Conselleiro manifestoulle ao Alcalde tudense que a Xunta de Galicia fará un esforzo intenso por dotar ao Concello de Tui daqueles servizos que garantan unha mellor calidade de vida para os seus veciños.
Tras esta primeira toma de contacto ambos responsables políticos acordaron continuar traballando no impulso destas actuacións con reunións sectoriais precisas para concretizar estes importantes proxectos.

Sem comentários:

Enviar um comentário