A concelleira de Cultura deu conta pormenorizada dos espectáculos previstos
Vinte e un espectáculos conforman a programación do segundo semestre do ano en Tui
O alcalde cualificouna de “axeitada, equilibrada e para todos públicos e os gustos”
O Encontro Internacional de Corais do Baixo Miño abre este venres oficialmente a programación cultural do segundo semestre do ano en Tui. Son un total de oito actividades no verán e trece no outono-inverno que supoñen un investimento de 70 mil euros. Dese total o 50% é aportado polo Concello de Tui de fondos propios aos que suma 5 mil euros máis en concepto de publicidade de toda esta programación que ven recollida no número vinte e dous da Axenda Cultural Corredoira.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, acompañou esta mañá a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, na presentación destas actividades.
A edil abordou en primeiro lugar a programación de verán que comeza co Encontro de Corais que celebra as súas vodas de prata este venres en Tui coa participación de nove masa corais entre elas a Coral da S.I. Catedral, que suman máis de 360 persoas neste evento.
Referiuse amais á Noite Internacional do Miño, que ten lugar o próximo martes 26 ás 21h no Parque do Laxal en Rebordáns. Esta cita co folclore internacional, dicía a concelleira, está xa consolidada, e achega este ano grupos de Chile, Bolivia, Brasil, Arxelia e Georgia.
Destacou amais a presenza o mércores da próxima semana de Sancho Gracia en Tui, no Teatro Municipal, nun espectáculo moi persoal no que recitará e cantará. Por outra parte son tres as películas que se van proxectar este verán “Cómo adestrar ao teu dragón” o venres 30 de xullo, “Gru, o meu vilán favorito” o sábado 6 de agosto, e “Megamind” o sábado 27 de agosto. Dentro da programación de verán figura tamén o vixésimo Festival de Bandas de Música coa presenza da Banda de Música Popular de Tui e da Agrupación Musical de Goián, e a sétima edición do ciclo Música no Claustro.
Con respecto á programación de outono, Vanesa Rodríguez informaba que hai un total de trece espectáculos dos que catro son infantís, hai catro musicais con pop, rock, folk e música clásica, da man de Nadadora, Víctor Coyote, Xosé Manuel Budiño, e o concerto de Fin de Ano coa coral e a banda de Tui. A isto súmanse catro obras teatrais, entre as que salientou “O Florido Pensil” polo destacado elenco con que conta con Xosé Manuel Olveira “Pico” e Antonio Durán “Morris”, entre outros. A danza terá o seu oco co espectáculo “Shoah” da man da compañía “Sine Die” de Paula Cobián.
Pola súa parte o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, dixo sentir “sensacións extrañas” ao ser a primeira vez que participa na presentación da programación cultural sen ser o concelleiro de cultura. Insistiu na mensaxe que xa dicía cando tiña esa responsabilidade de que “a cultura é un investimento rendible”. Moisés Rodríguez recoñeceu á fidelidade do público que ten convertido a Tui en referente a nivel galego e desexou que siga acudindo a estes espectáculos. Nese senso lembraba que en 2010 o Teatro Municipal tivo unha media de 300 espectadores por función, o que o sitúa entre os primeiros de Galicia da Rede de Teatros e Auditorios. Ao tempo felicitou tanto a concelleira coma ao persoal do departamento de cultura polo seu traballo, indicando que a programación lograda “é axeitada, equilibrada e para todos públicos e os gustos”.
A axenda cultural “Corredoira” reúne toda esta programación do segundo semestre do ano con información pormenorizada de cada espectáculo incluíndo unha ficha técnica e un pequeno resumo do mesmo.
Na mesma tamén se plasman as exposicións que se poderán visitar na Sala Municipal na Área Panorámica coma a de Antonio Abad que está aberta ata o 30 deste mes, ou a da historia dos balnearios de Galicia que abrirá o 1 de agosto. As actividades da biblioteca municipal e a programación das Xornadas Europeas da Cultura Xudía e do Patrimonio veñen tamén recollidas nesta nova edición da axenda cultural “Corredoira”.
Foron editados quince mil exemplares da “Corredoira”, dos que cinco mil serán distribuídos en fogares de Tui, outros cinco mil en Valença do Minho, e os cinco mil restantes en establecementos comerciais e de hostalería, así coma nos propios espectáculos.
Sem comentários:
Enviar um comentário