Dende o martes 26 e ata o domingo 31 de xullo Tui acolle o 22 Seminario de Dirección Coral organizado por Camerata Ad Libitum. É o segundo ano consecutivo en que a cidade se converte en sede deste curso de verán. Celebrarase no Seminario Menor e na Igrexa de Santo Domingo.
Esta actividade foi presentada esta mañá na Casa do Concello polo alcalde, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, e por Merchi Domínguez e Manuel Martínez de Camerata Ad Libitum.
Este curso celébrase anualmente dende 1990 en diferentes cidades da provincia de Pontevedra respondendo á demanda constante de formación para cantores e directores de coro así como para servir de punto de encontro e divulgación da música coral galega.
Segundo explicaba Merchi Dominguez teñen xa un total de 50 alumnos activos que van participar no Seminario. Mentres Manuel Martínez destacaba a importante labor realizada por Camerata Ad Libitum no canto coral, e desexaba que este seminario de siga celebrando en Tui.
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, agradeceu a labor realizada por Camera Ad Libitum, e a impartición en Tui deste seminario de música coral, unha oportunidade importante de formación para as agrupacións corais da zona. Mentres o alcalde de Tui incidiu en que Tui ten que seguir apostando pola cultura tamén nestes tempos de crise que non son doados, e desexaba que Tui se poida converter nun centro coral a nivel galego.
Os profesores deste curso son a estadounidense Tamara Brooks e o galego Julio Domínguez. Do martes 26 ao domingo 31 impartirán un obradoiro de Canto Coral e do mércores 27 ao domingo 31 un seminario de Dirección Coral.
Por outra parte os concertos terán lugar na igrexa de Santo Domingo. O primeiro será o martes ás 21.30h, co concerto de apertura, a cargo do grupo Obradoiro Vocal A Vila que intepretrarán un repertorio atractivo e variado do século XX. Logo o xoves ás 22h actuará Paloma Suanzes, voz e guitarra, con música vocal con folk, reminiscencias do fado e da música tradicional. E por último o concerto de clausura será o domingo ás 20h a cargo dos alumnos e profesores do curso. Durante os días do curso como actividade complementaria haberá exposición e venda de partituras.
Colaboran nesta actividade a Concellería de Cultura de Tui, o Seminario Menor, a Igrexa de Santo Domingo, a Asociación Amigos da Catedral e o Conservatorio Profesional de Música de Tui.
Concertos do 22º Seminario de Dirección Coral
Lugar: Igrexa de Santo Domingo
- Martes ás 21.30h Concerto de apertura a cargo do grupo Obradoiro Vocal A Vila.
- Xoves ás 22h actuará Paloma Suanzes, voz e guitarra.
- Domingo ás 20h a cargo dos alumnos e profesores do curso
Sem comentários:
Enviar um comentário