segunda-feira, 14 de janeiro de 2013

8.436 PEREGRINOS INICIARON O CAMIÑO DE SANTIAGO EN TUI NO ANO 2012


A cidade de Tui se consolida un ano máis como o primeiro lugar de orixe que os peregrinos escollen para comezar o Camiño de Santiago, fora do chamado "camiño francés". Un total de 8.436 persoas elixiron a nosa cidade para iniciar o seu percorrido cara ao sartego apostólico en Compostela.
Logo de Sarria, St. Jean Pied de Port, León, Cebreiro e Roncesvalles é a cidade de Tui o seguinte lugar en aportar peregrinos ao Camiño de Santiago. Este número de peregrinos é significativamente maior que os 7.720 que iniciaron a peregrinación no ano anterior, un incremento do 10%. A tradición histórica, a situación estratéxica da nosa cidade e os seus importantes recursos patrimoniais e naturais xustifican a elección dun número cada vez máis numeroso de iniciar en Tui o seu peregrinar a Compostela.
Da consulta dos datos estatísticos aportados pola Oficina do Peregrinos da Catedral de Santiago se comproba como o camiño portugués foi percorrido no pasado ano por 25.628 peregrinos que entraron en Galicia a través da cidade de Tui, histórica porta en Galicia no itinerario xacobeo. O camiño portugués é logo do camiño francés o segundo vieiro seguido polos peregrinos que incrementou nun 16% o número de peregrino sen relación ao ano anterior de 2011 en que foron 22.062.
Tamén a Oficina Municipal de Turismo foron atendidas un total de 5954 consultas efectuadas por peregrinos, 2368 españois e 3586 estranxeiros, salientando entre eles os portugueses e alemáns, seguidos de franceses e italianos.
Para o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, este datos estatísticos evidencian a consolidación da tradición histórica da cidade de Tui como referente xacobeo, e como lugar privilexiado nas rutas de peregrinación. O incremento que anualmente experimentan as cifras de peregrinos que escollen Tui para iniciar a súa andaina ou que percorren o Camiño Portugués, que transita pola Eurocidade Tui – Valença, testemuña o traballo que o Concello realiza por manter en axeitadas condicións o Camiño ao seu paso polo noso municipio, o labor de promoción e divulgación realizado e a hospitalidade dos tudenses que acollen de bo grado a tan crecido número de peregrinos.

Sem comentários:

Enviar um comentário