quinta-feira, 31 de janeiro de 2013

O ALCALDE DE TUI ACOMPAÑOU Á PESCADORES DO MIÑO NUNHA XUNTANZA COA CONSELLEIRA DE MEDIO RURAL E DO MAR


Na tarde de onte, mércores 30 de xaneiro, a Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, recibiu a unha delegación da Plataforma en defensa do río Miño e os seus pescadores, encabezada polo seu portavoz, Benito Pousa, aos que acompañaba o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez.
No decurso da reunión foron prantexadas á responsable da Xunta de Galicia os principais aspectos da problemática deste sector especialmente na normativa recentemente aprobada e que, segundo os pescadores, ten importantes erros que cómpre modificar. Especialmente o referido ás cotizacións á Seguridade Social consonte ao número de capturas e ás xornadas efectivas de pesca no río, así como outros aspectos relevantes na conservación do Miño e á súa pesca tradicional.
Os asistentes valoraron o importante clima de diálogo establecido entre a plataforma e a Consellería, e o compromiso de revisión da normativa para que resulte eficaz na conservación do río e mais xusta para os pescadores.
O Alcalde tudense congratulouse polo positivo clima de diálogo e colaboración establecido entre a administración autonómica e os representantes do pescadores do río Miño e que contribuirá eficazmente á conservación deste río e da pesca tradicional, que conforma un dos principais elementos identitarios da comarca do Baixo Miño. Con esta entrevista o rexedor tudense da conta do compromiso asumido de promover unha xuntanza coa Consellería de Medio Rural e do Mar coa Plataforma en defensa do río Miño e os seus pescadores para abrir unha canle de diálogo e traballo en común que busque solucións e acordos arredor da pesca no Miño.

Sem comentários:

Enviar um comentário