O Anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle dende mañá unha exposición fotográfica en que o notable monumento do s. XII parece recobrar toda a súa grandeza
Entre o día 3 e o día 31 de xaneiro de 2013 na zona Anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui (Edificio Área Panorámica na rúa Colón número 2) acolle un conxunto de fotografías que nos permitirán albiscar, como se de auténticas xanelas do tempo se tratase, o Mosteiro de Oia, do século XII, en todo o seu esplendor.
As fotografías ofrécenos a posibilidade de asomármonos a un dos máis esplendorosos capítulos da historia medieval de Galicia, a súa arquitectura eclesiástica, da man dunha das máis notables expresións cistercienses do país e de Europa: o único mosteiro da orde monástica que se sitúa na costa, o Mosteiro de Oia.
A artista, Lorena González, que procede do mundo da pintura, móstranos o Mosteiro de Oia como nunca antes foi visto. Os elementos arquitectónicos e escultóricos do formidable edificio, en que predominan os estilos románico, gótico e barroco, aparecen en toda a súa grandeza. A autora consegue converter cada instantánea nun auténtico chamado á evocación, ao combinar habilmente eses elementos coas diferentes luces do día, a fermosa paisaxe costeira circundante ou a vexetación.
“Sobriedade románica, decadencia gótica e virtuosismo barroco aparecen con toda a súa forza e sorprendente elegancia”, nunha exposición que inclúe unhas breves notas históricas sobre un mosteiro cun pasado de cultura e oración, de batallas e “monxes artilleiros”. Un mosteiro no que se produciron algunhas das primeiras páxinas escritas en lingua galego-portuguesa.
Con esta mostra fotográfica inicia a súa andaina neste ano 2013 a Sala Municipal de Exposicións cun renovado compromiso por abordar diversos formatos e técnicas artísticas asi como unha ampla diversidade temática na súa oferta ao longo do ano.
Sem comentários:
Enviar um comentário