Este sábado, 2 de febreiro, a partir das 21h celébrase o II Serán Cidade de Tui organizado pola Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe Tudense. Terá lugar na antiga fábrica de boinas a carón dos pavillóns municipais.
O presidente desta Asociación, Ángel Alonso, acompañado doutros membros deste colectivo, do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e o músico Erik Feles presentaron este mediodía este evento no que a música tradicional vai ser a gran protagonista.
Logo da positiva experiencia da primeira edición, na que participaron 21 grupos, volven organizar este Serán no que se darán cita gaiteiros, pandereteiras, grupos de folk... para compartir unhas horas coa música como nexo. Os grupos non teñen que inscribirse previamente, tan só presentarse o sábado no lugar de celebración desta actividade. Cada un deles interpretará tres pezas musicais. Amais ás 23.30h actuará o gaiteiro Erik Feles que vén de presentar o seu novo traballo discográfico titulado “La Batalla”. Na parte gastronómica haberá chourizos fritos de balde para os participantes, e callos, chourizos, e chocolate con rosquillas a prezos populares. Tamén venderán rifas a 0,50€ para entrar no sorteo de ceas e ou servizos en establecementos tudenses.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, puña de manifesto a importancia de que se sigan facendo actividades culturais en tempos complicados como este, desexando que o sábado acudan moitas persoas a segundo serán logo da interesante experiencia do ano pasado. O rexedor sinalou amais que “o traxe tradicional de Tui é unha peza fundamental do patrimonio tudense e un dos máis fermosos de Galicia”.
Na presentación de hoxe Ángel Alonso avanzou a organización dun curso de gaita e percusión a cargo de Erik Feles que terá lugar os luns ou venres na súa sede en Riomuíños, nun horario a determinar cos alumnado. Os interesados poden inscribirse nos teléfono 659 492 752 e no 627 88 35 45. O obxectivo final desta actividade é poder formar un grupo de gaitas no centro urbano, sumándose así o grupo folclórico que xa ten a asociación.
Sem comentários:
Enviar um comentário