En días pasados finalizou o período anual de apertura da Oficina Municipal de Turismo de Tui que ao longo dos oito meses de funcionamento (de abril a decembro) atendeu a un total de 38.271 visitas, destas 29.605 foron nacionais, e 8.666 internacionais. Estes datos supoñen un importante aumento do turismo con respecto ao ano 2011, en concreto máis dun 17% de incremento, debido tanto ao aumento do número de visitantes á nosa cidade como pola nova ubicación desta Oficina, no centro do conxunto histórico e ao carón da Catedral, na Praza de San Fernando. Este feito está tamén no notable incremento das consultas de peregrinos que acadaron as 5.954 ao longo do ano.
Da análise dos datos estatísticos achegados por esta Oficina Municipal de Turismo podemos observar que existe unha maior presenza de turismo nacional que internacional, sendo as Comunidades autónomas máis destacadas por orde de importancia Madrid (con diferenza), Andalucía, Castela-León, Cataluña e Galicia, estando o resto de Comunidades presentes aínda que con menor intensidade.
En canto ao turismo de orixe internacional hai máis de 40 os países de procedencia, algúns tan afastados como Rusia, Xapón, Australia ou Sudáfrica, e evidentemente é altamente significativa a presenza dos nosos veciños de Portugal, seguidos de alemáns e franceses. Dándose a circunstancia de que nunha mesma xornada foron atendidas consultas de turistas de 19 nacionalidades distintas.
Para achegarse ao número real de visitantes da nosa cidade habería que multiplicar por catro ou cinco este número de consultas, pois non todos os turista visitan esta Oficina e cando son un grupo ou familia normalmente é un dos integrantes o que acude a esta Oficina e engrosa as súas estatísticas.
Do traballo da Oficina Municipal de Turismo pódese tirar o turista tipo que visita a nosa cidade e solicita consulta neste servizo municipal: home entre 35 e 69 anos de idade, de nacionalidade española (non galego), aloxado principalmente en Sanxenxo ou Vigo, que interesado nos elementos culturais e naturais achégase no seu vehículo ata Tui para unha estadía de media xornada (sobre tres horas, de 11 a 13 ou de 15 a 18 horas).
Pero o traballo deste Oficina Municipal de Turismo e da propia concellería abrangueu outras actuacións ao longo deste período temporal amais da atención ao público: visitas guiadas, mantemento dun perfil de turismo tui en facebook, presenza neste ano da Eurocidade nas feiras internacionais (Fitur en Madrid e BTL de Lisboa), promoción en medios de comunicación, asesoramento para guías impresas, etc.
Sem comentários:
Enviar um comentário