segunda-feira, 7 de janeiro de 2013

O CONCELLO DE TUI PROMOVERA A CREACIÓN DE HORTAS URBANAS NA LAGARTEIRA


O Concello estuda a demanda coa apertura dun  rexistro para veciños que queiran traballar en cesión gratuíta e para consumo propio unha parcela.
O Concello de Tui impulsará a creación dun proxecto de hortas urbanas na cidade. Segundo avanzou o seu Alcalde, Moisés Rodríguez Pérez, a iniciativa parte da decisión do goberno local de promover  alternativas, dentro das súas posibilidades, para mellorar a calidade de vida. “As hortas urbanas implantáronse xa con éxito en moitas cidades de todo o mundo, algunhas próximas como Caminha, Vigo, Santiago ou Marín; consideramos que o posible investimento municipal é positivo para a cidadanía”, defendeu o rexedor. 
Moisés Rodríguez Pérez levará ao Pleno a proposta da Alcaldía para habilitar unha décima parte da finca da Lagarteira que, cunha superficie completa de 14.870 metros cadrados adquiriuse hai xusto un ano por 625.000, para o seu uso como hortas urbanas en réxime de cesión temporal gratuíta. O Concello, indica, “para nada renuncia ao proxecto planeado para ese espazo, como a creación do novo colexio de Pazos de Reis pero, é evidente que a envergadura de plans dese calado económico non serás inminente”.  
Aínda así, explicou, o espazo que se pretende habilitar para o uso veciñal e temporal non suporá ningunha afección negativa ao espazo senón que se pretende reutilizar unha pequena parte de forma sustentable. Neste sentido, o alcalde, avanzou que se planean habilitar unhas 20 parcelas, nunha primeira fase, que terán uns 60 metros cadrados de superficie.
O goberno local traballa no documento de bases de cesión nas que se poderán ofertar as parcelas para elaborar un proxecto social que involucre á cidadanía, estando abertos ás suxestións de particulares e portavoces doutros grupos municipais.O Concello prevé abrir antes de que acabe este mesmo mes un prazo para que todos os veciños que o desexen, soliciten unha parcela que, loxicamente, só poderase destinar para autoconsumo. “Queremos coñecer, sinala o Alcalde, primeiro a disposición real dos tudenses para avanzar o proxecto aínda que, polas experiencias que coñecemos doutras localidades, o número de peticionarios adoita sempre superar a oferta, polo que, aínda que o plan nace cunha previsión de inicial dunha vintena de hortas, a demanda marcará o horizonte”.
 Moisés Rodríguez, indicou ademais que no proxecto implicaranse ademais da concellaría de Medio Ambiente, as de Educación e Servizos Sociais, dado o carácter pedagóxico, didáctico e de educación saudable implícito tanto para os colexios, que tamén serían potenciais beneficiarios, como para as persoas de idade avanzada.
O Concello asumiría a preparación dos terreos así como a división en parcelas e facilitaría a subministración de auga para o regadío. O rexedor avanzou tamén a posibilidade, en función da demanda social, de poder apoiar ao grupo de traballo que se cre para programas de formación sobre os cultivos de tempada.

Sem comentários:

Enviar um comentário