O Teatro Municipal de Tui tivo ao longo do ano 2012 un total de 21 mil usuarios, que asistiron ás 71 actividades celebradas ao longo de 54 días que abriu as súas portas este espazo cultural. Pese a ter reducido nun 13% os espectáculos e un 17,30% o orzamento destinado a esta actividade apostouse por continuar coa liña dunha programación estable e continua, que unha vez máis ten recibido un gran apoio por parte do público. Así o reflicten os datos que sitúan a Tui, cunha poboación de case 18 mil habitantes, nos primeiros postos de Galicia no que se refire á asistencia ao Teatro. Por este motivo dende o Concello de Tui queren amosar o seu agradecemento ao público pola súa magnífica resposta e pola confianza depositada nesta programación.
As 71 actividades celebradas ao longo de 2012 foron moi variadas. Deste total 18 corresponderon a programación oficial organizada polo Concello de Tui coa colaboración do AGADIC que supuxo un investimento de 26.500 euros. Á mesma asistiron 5.360 espectadores , o que da unha media de 282 espectadores, que continúa a ser unha das máis elevadas de Galicia dentro da Rede Galega de Teatro e Auditorios. Nesta programación oficial houbo 18 espectáculos dos que 7 foron infantís, continuouse a aposta pola música cunha gran resposta do público que supero os 370 espectadores por concerto,e volveu a Tui o Centro Dramático Galego con dobre función da súa última montaxe.
Houbo amais outras actividades na que colaborou o Concello, entre as que cabe destacar no eido da educación os concertos do Conservatorio de Música de Grao Medio, ou actos dos distintos centros escolares ou ANPA’s. Coincidindo coas Festas de San Telmo o teatro acolleu actos como a Coroación e Lectura do Pregón, o Festival Folclórico, a Semana de Teatro Afeccionado, o concerto da Banda de Guerra da Escola Naval Militar de Marín... Organizáronse amais actividades de xeito conxunto coa Cámara Municipal de Valença no eido da Eurocidade, celebrouse un Congreso de Muiñoloxía ou a I Gala do Deporte. Tamén o Teatro Municipal foi o centro neurálxico dunha nova edición do afamado Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc.
Dez anos de Teatro Municipal
O próximo 11 de abril de 2012 o Teatro Municipal de Tui cumprirá dez anos de actividade. Ata o de agora ten aberto a súas portas 595 días acollendo a máis de 215 mil usuarios que acudiron á vintena de programacións realizadas ata o momento.
www.culturatui.info
Toda a información sobre a programación do Teatro Municipal de Tui está recollida na web www.culturatui.info . Na mesma pódense adquirir tamén as entradas para os diferentes espectáculos. En 2012 o 45,7% das localidades foron vendidas ao través deste medio.
En pouco máis dun mes será presentada a nova programación que se poderá presentar no primeiro semestre deste ano 2013.
Sem comentários:
Enviar um comentário