quarta-feira, 9 de janeiro de 2013

Máis de 300 remeiros participarán este domingo na Regata Miño Internacional


Este domingo, 13 de xaneiro, dispútase en augas do río Miño a Regata Miño Internacional – IX Copa Presidente da Deputación de Pontevedra.  Está organizada polo Club Remo do Miño coa colaboración do Concello de Tui e a Deputación de Pontevedra. 
O campo de regatas terá unha distancia de 6 quilómetros entre Amorín e Tui, fronte ao Centro Interfederado. Será nas categorías de Catro Absoluto tanto feminino como masculino e en Oito con temoneiro absoluto masculino.  As saídas das mangas serán a partir das 12h do mediodía cada quince minutos. A entrega de premios realizarase ás 13.30h nas instalacións do Club Remo do Miño.
Esta regata foi presentada esta mañá na Casa do Concello polos membros do Club Remo do Miño acompañados polo alcalde, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deporte, Nicolás Lorenzo, e o concelleiro José Ángel Villaverde.
Alejandro Carrera, secretario do Remo do Miño, deu as grazas ás institucións como o Concello e a Deputación polo apoio a esta regata e ao club, xa que sen estas axudas, recoñecía que sería moi difícil seguir como club. Explicaba amais que o deporte do remo é moi gravoso tanto polos desprazamentos aos campos de regata como polo custoso do material que se emprega.
Mentres José Manuel Corgo, tamén do Remo do Miño,  daba conta do pormenores deportivos da regata indicando que van participar máis de 300 remeiros pertencentes a 17 clubs, dos que 10 son portugueses e 7 españois. 
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, amosou o apoio de Concello para que esta regata siga crecendo, ganando prestixio e participación, e loitando para que o ano próximo esta regata poida ser Campionato de España.  Deu conta tamén da nova etapa de relacións que se inicia entre a concellería de Deportes e o Club Remo do Miño, grazas ao entendemento logrado entre as dúas partes.  Lembrou amais a aposta decidida do concello polos deportes do río.
Por último o alcalde, Moisés Rodríguez, destacou a importancia de que se siga facendo deporte pese a crise. Aludiu tamén a repercusión que o deporte ten no turismo, e desexou que esta regata sexa un éxito.
Esta regata Miño Internacional dará o pistoletazo de saída á temporada de remo. Celébrase de xeito previo ao campionato de España de Fondo que terá lugar o día 26 deste mes. 

Sem comentários:

Enviar um comentário