O martes, 2 de abril, é o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, a Asociación Pais Nais, Familiares e Amigos de Persoas con Trastornos do Espectro Autista TEA UN MAIS-TUI, quere divulgar esta data para que a sociedade, en xeral, e as contornas educativas, en concreto, sexan cada vez máis inclusivos. Pensamos que celebrar unha festa para nenos con e sen Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) é a mellor forma de que adultos e nenos déanse conta de que a inclusión é posible e boa para todos.
A festa celébrase en “A Esgalla” (Travesía Santo Domingo, 16 - antigo restaurante “La Cerilla”) de 16.30 a 20.00. Organizaranse actividades lúdicas con inchables, coa Wii e ofrecerase unha merenda e camisetas, que serán subministradas pola Concellería de Servizos Sociais do Concello de Tui, que colabora con esta asociación. Contase tamén coa axuda de profesionais de BATA e voluntarios.
A Asociación Pais Nais, Familiares e Amigos de Persoas con Trastornos do Espectro Autista TEA UN MAIS-TUI fundouse no ano 2010, co principal obxectivo de ofrecer apoio e asesoramento especializado tanto aos nenos con Trastornos do Espectro do Autismo como á súa contorna inmediata (familiares, escolas, amigos, etc.).
Os Trastornos do Espectro do Autismo implican un atraso a nivel de adquisición da linguaxe, dificultades de relación social así como intereses restrinxidos e comportamentos estereotipados.
Ademais as investigacións desenvolvidas nos últimos anos recalcan un aumento preocupante tanto da incidencia como da prevalencia da poboación con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA), que xerou cambios no enfoque que se lle deu a esta problemática a nivel social.
Esta asociación tudense afirma que “dende a mellor perspectiva de inclusión e apoio actual establecido a nivel lexislativo e demostrado a través de traballos empíricos realizados tanto no ámbito español como no internacional, hai un acordo común sobre as necesidades das persoas con esta problemática. Para ser cubertas ampliouse o ámbito de actuación para ofrecer coidados básicos dentro dun ambiente protexido e respectar o dereito da persoa para funcionar dentro da sociedade en condicións de igualdade de oportunidades.
Subliñamos que na actualidade, na zona de Tui, reside un número elevado de familias que teñen un ou máis fillos afectados desta problemática. Inicialmente pola falta de centros especializados para atender a problemática complexa das persoas con Trastornos do Espectro do Autismo, os nenos, independentemente da súa idade acudían a outras institucións, en distintos puntos xeográficos de Galicia, sendo estas situadas a máis dunha hora de viaxe en coche. Esta situación levounos á necesidade de solicitar ao Concello de Tui un local, concedéndonos un situado en rúa Párroco Rodríguez Vázquez, nº 5.
Na actualidade neste local da asociación levan a cabo os seguintes tipos de terapias: terapia sensorial, estimulación temperá, terapia ocupacional e logopedia, ademais de reunións dos socios, encontros de formación e información para os familiares de persoas con TEA con diagnóstico recente, actividades lúdicas integradas, etc”.
O Concello de Tui congratúlase da actividade que desenvolve esta Asociación e expresa a súa vontade de continuar colaborando intensamente coa mesma.
Sem comentários:
Enviar um comentário