O Consorcio para a xestión do ciclo urbano da auga do Río Louro botou a andar onte á tarde, polo que este organismo xestionará o ciclo urbano da auga dos concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui. Este organismo tamén se encargará dos servizos de abastecemento e saneamento dos case 60.000 habitantes destes municipios.
O Consorcio local constituído denominarase Consorcio para a Xestión do ciclo urbano da auga do Louro e terá a súa sede principal na EDAR de Guillarei. O Comité Directivo está formado polo presidente, cargo que ostentará por un período de dous anos o director de Augas de Galicia; mentres que o vicepresidente será o alcalde do Porriño. Tamén formarán parte deste organismo un representante de cada un dos concellos, o cal reforza o seu carácter local.
A Xunta de Galicia aposta por compartir servizos entre concellos con fórmulas de colaboración coma a citada. Cabe citar que o consorcio será o que xestione directamente os ingresos polos servizos da auga, en vez de recibir transferencias dos concellos, o que evitará problemas no futuro por débedas ou reparto de custos.
Competencias
No ano 2010 o Goberno da Xunta de Galicia puxo en marcha a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Guillarei, co compromiso dos catro concellos aos que da servizo esta infraestrutura de crear un consorcio que se encargara da xestión do sistema de saneamento do Louro, o cal inclúe a citada EDAR.
O novo ente irá moito máis alá da idea inicial de xestión da EDAR de Guillarei e encargarase de todo o saneamento e abastecemento, inspección, explotación de todas as instalacións de potabilización, depuración e bombeo do ámbito territorial.
O novo consorcio xestionará o ciclo completo da auga dos 58.918 habitantes dos 4 concellos pontevedreses. A prestación deste servizo integral implica a garantía ambiental para o río Louro, non só coa xestión do saneamento, senón cun sistema de inspección máis rigoroso dos vertidos das industrias. Inclúese o servizo da depuración da EDAR de Guillarei e garántese a sostibilidade económica, financeira e institucional na xestión.
O consorcio configúrase como local, aínda que con participación autonómica, polo que a Xunta permanecerá para garantir a sostibilidade institucional e económica nos primeiros anos, ata o seu autofinanciamento.
Trámites
As principais actuacións administrativas que se teñen que desenvolver de cara aos próximos meses son as seguintes:
Aprobación do presuposto.
Sinatura de convenio entre a Xunta de Galicia e o Consorcio para a regulación da colaboración financeira e técnica.
Aprobación da ordenanza fiscal única para todo o ámbito territorial, redacción dos regulamentos de explotación do servizo, de conexión á rede de sumidoiros, da ordenanza de vertidos e das normativas técnicas únicas.
Licitación e adxudicación do contrato de xestión de servizo público polo Consorcio.
O obxectivo é que o Consorcio comece a funcionar de modo efectivo o 1 de xullo deste ano 2013.
O saneamento do río Louro
O saneamento do río Louro, cunha forte presión urbana e industrial, foi unha tarefa que comezou en 1994 cando os catro concellos de Tui, Salceda de Caselas, O Porriño, Mos, a Xunta de Galicia e a Administración do Estado asinaron un acordo para levar a cabo o saneamento da conca do río Louro, que establecía a creación unha entidade mancomunada ou consorciada para xestionar as infraestruturas de saneamento e depuración que se constrúan en base a este acordo. Dende aquel momento, foi necesario investir 93.911.943 € para a construción do Sistema de Saneamento do Louro, incluíndo a EDAR de Guillarei, que entrou en servizo no ano 2010. Dende entón, ven funcionando con normalidade.
Ademais, foi necesario executar importantes actuacións de conexións secundarias ao sistema de saneamento xeral, cun importante custo pola dispersión poboacional deste territorio. Incluíndo as obras que está desenvolvendo hoxe en día Augas de Galicia, a Xunta xa leva investidos 14,5 millóns € en obras de saneamento secundario, e se seguirá priorizando o investimento en saneamento dende a Xunta de Galicia nos próximos anos.
Sem comentários:
Enviar um comentário