quarta-feira, 6 de março de 2013

O VINDEIRO DOMINGO 17 DE MARZO A CATEDRAL ACOLLE O PREGÓN DA SEMANA SANTA TUDENSE


A Asociación de Amigos da Catedral de Tui, xuntamente coa “Hermandad del Dulce Nombre de Jesús y Santa Casa de Misericordia”, impulsan, logo da favorable acollida do pasado ano, a celebración do pregón da Semana Santa tudense co obxectivo de promover e valorizar as celebracións desta xornadas na nosa cidade. Así como anuncio e apertura dos actos litúrxicos destas tradicionais celebracións tudenses este ano contamos de novo coa celebración do “pregón” desta Semana Santa, que correrá a cargo do profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Domingo González Lopo.
A lectura deste pregón terá lugar o vindeiro domingo 17 de marzo ás 18,00 horas na Santa Igrexa Catedral de Tui e, de seguido, haberá un pequeno concerto a cargo de Manuel Madarnás, á trompeta, e Alejo Amoedo, ao piano.
O propósito das entidades organizadoras é contribuír á promocións dos actos litúrxicos e, nomeadamente, as procesións e outros elementos que identifican, dende hai séculos, a Semana Santa tudense. Estes actos reúnen xuntos aos desfiles procesionais outros elementos paralitúrxicos ou parateatrais de fonda tradición na nosa cidade, como é a horta das Oliveiras ou os sermóns do Encontro e o Desencravo. Certamente estes aspectos resultan os máis singulares da Semana Santa tudense que unidos aos desfiles procesionais, onde saen singulares tallas -salientando a popular Dolorosa de Agustín Querol- e ao excepcional marco destes cortexos polas vellas rúas do conxunto histórico converten á Semana Santa tudense nun excepcional acontecemento que une fe, arte e cultura.
A fundamental dimensión relixiosa destas tradicións da Semana Santa non reduce as súas dimensións culturais e mesmo turísticas que posúen estas seculares costumes que cómpre conservar como testemuña dunha historia e como identificadoras da vida da nosa cidade. 
Domingo González Lopo, cuxo curriculum achégase xunto á presente nota de prensa está estreitamente vinculado á cidade de Tui á que ten dedicado numerosos traballos de investigación sobre diversos aspectos da nosa historia e tamén colabora activamente na vida pastoral da diocese de Tui-Vigo.

Sem comentários:

Enviar um comentário