O goberno local de Tui informa de que no día de onte aceptáronse un total de 43 arbitraxes para outros tantos veciños da cidade, vítimas da estafa vinculada á comercialización de participacións preferentes e obrigacións subordinadas. O goberno local de Tui non desistirá no seu empeño por defender, cos afectados, a devolución íntegra de todos os seus aforros.
Por iso, decidiu asumir os gastos de defensa xurídica de todos os tudenses afectados e que queden forá da vía da arbitraxe pola que se segue loitando ata esgotar todos os tempos e vías. A contrarreloxo, como xa advertiu o propio goberno local hai máis de quince días, xoga en contra. A noticia positiva neste respecto é que o período de arbitraxes non acabará este mes senón que, segundo confirmaron hoxe as mesmas fontes de Consumo ao alcalde de Tui, continuará durante o mes de abril.
O goberno local seguirá loitando pola vía da arbitraxe para conseguir a devolución íntegra dos seus aforros a todos os tudenses afectados e reitera que, de chegar á vía xudicial sen alcanzarse a totalidade dos reintegros aos aforradores, ofertarase de forma gratuíta esa defensa xurídica para lograr a canxe efectiva e sen quitas durante a segunda etapa desta crise. Habilitaríase para iso un departamento específico dende o que se mantería o contacto personalizado e individual de cada caso e que tramitaría os expedientes dos veciños afectados.
O goberno local de Tui agradece a comprensión de todos os veciños e empregados municipais que ata a data, soportaron a situación de bloqueo administrativo que se produciu debido á ocupación das instalacións. Co mesmo respecto solidarízase tamén cos que defenden os seus dereitos tras ser estafados e segue priorizando o seu respaldo incondicional.
A defensa dos dereitos de todos e cada un dos tudenses debe continuar. Por tanto e, co mesmo respecto co que se ofrece a asistencia legal gratuíta, infórmase de que, a partir de onte, día 19 de marzo do 2013, non está autorizada nin permitida a ocupación das dependencias municipais tolerada ata ese día.
Todos estes feitos foron comunicados onte persoalmente polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, en tempo e forma, a dous dos portavoces da plataforma de afectados do Baixo Miño e a varios veciños máis presentes no salón de plenos ás cinco da tarde.
Preténdese que a actividade municipal poida reanudarse con normalidade en defensa dos dereitos de todos os veciños sen relaxar o nivel de defensa dos afectados ata que se consiga a solución definitiva deste tema, pero este compromiso do goberno tudense está a ser reflectido no número de arbitraxes alcanzado.
Sem comentários:
Enviar um comentário