O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e o presidente da Cámara Municipal de Valença, Jorge Mendes, asistiron o pasado sábado en Santiago de Compostela á sinatura do Memorando de Entendemento entre a Presidencia do Consello de Ministros da República Portuguesa e a Xunta de Galicia no campo do deporte. Neste acto participaron o Presidente da Xunta de Galicia e o Secretario de Estado de Deporte e Xuventude da República Portuguesa.
Gracias a este Memorando se potenciará o traballo conxunto entre a Xunta e o Goberno de Portugal, en ámbitos como na difusión da ética do deporte como un xogo limpo; no intercambio de experiencias para a organización de distintos foros deportivos e, tamén, para presentar candidaturas conxuntas en eventos e en competicións.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou, no decurso deste acto, por profundar na cooperación transfronteiriza e seguir fomentando a mobilidade das persoas, os proxectos de innovación no intercambio empresarial e a constitución de Eurocidades como Verín-Chaves e Valença-Tui. “Esta Eurorrexión que creamos fai 22 anos supón 6 millóns de cidadáns europeos que convivimos e vivimos xuntos e queremos seguir cooperando e seguir traballando xuntos, dando pasos firmes practicamente en todas as áreas posibles”.
Feijóo explicou que, desde que en 2007 o Libro Branco da UE sobre o deporte estableceu un mecanismo de colaboración neste eido, a Xunta está a traballar tamén neste ámbito, “xa que o deporte é un sector dinámico da economía, que xera emprego e é unha ferramenta da saúde e un elemento clave na educación e na convivencia dos pobos”. “Temos moi claro que o deporte é economía e por iso o clúster do Deporte Galego é unha das nosas metas; un clúster que se inserta no Plan estratéxico do Deporte do Goberno de Galicia”, recordou. Así mesmo, insistiu en que o Executivo autonómico ten claro, tamén, que o deporte é saúde, e que todo o que se invista en deporte será unha diminución do gasto en sanidade. E, ao fío disto, lembrou o programa Galicia Saudable, “unha estratexia global que poñemos neste Memorando a disposición do país veciño; e que supón un recoñecemento pola importancia de fomentar a actividade física con carácter xeral, con independencia das idades e con independencia dos lugares de residencia”.
A Eurocidade Tui – Valença foi destacada como exemplo deste traballo conxunto no ámbito do deporte onde desenvolve unha ampla colaboración que ven de ser recoñecida pola propia Xunta de Galicia coa concesión dun dos premios do deporte galego 2012. Para o alcalde de Tui a presenza da Eurocidade neste acto testemuña como o labor que promove a Eurocidade suscita interese e incorpora novos proxectos de cooperación de dimensións transfronteiriza que atopan nas cidade de Tui e Valença o espazo idóneo para a súa posta en marcha, convertendo á Eurocidade Tui – Valença en espazo de vangarda no traballo de cohesión da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.
Sem comentários:
Enviar um comentário