O Club Kayak Tudense proclamouse a pasada fin de semana Campión de España por clubes no Campionato de España de Inverno de Piragüismo que se disputou na Illa da Cartuja de Sevilla.
Esta é a sétima vez consecutiva que o club tudense acada o Campionato de España de inverno, o que constata o potencial dos seus padeeiros e o bo traballo que fai o seu corpo técnico.
Como resultados máis destacados dos padeeiros tudenses desprazados ata Sevilla, resaltar a Andrea Porteiro que acadou a medalla de bronce na categoría K1 xuvenil, Óscar Carrera, que foi medalla de bronce na categoría K1 Sub23 e Manu Garrido, que acadou a medalla de bronce na categoría C1 Sénior.
Salientar a actuación do padeeiro Roi Rodríguez, que recibiu as tres ovacións máis fortes do público, dado que o tudense ao romper a súa pala na saída, remou como puido ata a liña de saída, recibindo a primeira ovación e ao substituír a pala, caeu á auga. O padeeiro, en vez de abandonar a proba, volveu a subir á piragua e retornou á competición, polo que o público o ovacionou de novo. Roi entrou na liña de meta no último lugar, pero o público en pé ovacionoulle como recoñecemento ao seu esforzo e entrega.
En definitiva, espléndido resultado, unha vez máis, para os padeeiros e adestradores de Club Kayak Tudense, que aínda que non pasen polo mellor momento económico, fan o máximo esforzo para competir ao máximo nivel e demostrar que, hoxe por hoxe, non hai mellor club a nivel nacional.
O Concello de Tui felicita ao Club Kayak Tudense por este novo éxito deportivo que testemuña o importante traballo que desenvolve este club e o esforzo dos seus deportistas.
Por outra banda, no deporte do atletismo, Uxía Pérez Bugarín volve a ter éxitos a nivel nacional, xa que a pasada fin de semana acadou a medalla de bronce no Campionato de España Xuvenil de Cross, no campionato disputado en Avila.
Felicitacións para Uxía polo éxito neste campionato, así como para os adestradores e directivos do Club Atletismo Tui-Thermalia.
Sem comentários:
Enviar um comentário