Do luns 1 ao sábado 6 de abril vaise celebrar no Teatro Municipal de Tui a V Semana do Teatro Afeccionado. Esta actividade, organizada pola Concellería de Cultura, é aposta polos grupos teatrais que hai na cidade. A súa celebración coincide coas festas patronais de San Telmo.
A V Semana do Teatro Afeccionado foi presentada este mediodía polo alcalde, Moisés Rodríguez, a concelleira de Educación e Cultura, Vanesa Rodríguez, xunto a Miguel Angel Martínez, Cristina Fernández, Carmen Álvarez, Susana Blanco, Sheila Vila e Mónica Conde, representantes dos grupos de teatro afeccionados que van actuar nesta programación.
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, puxo de manifestou que esta V Semana do Afeccionado reflicte o traballo que alongo do ano se realiza nas distintas casas culturais. Avanzou que coma novidade este ano haberá á venda 150 abonos para as seis representación ao prezo de 5€, mentres que a entrada diaria para cada función custará 1,50€ e poranse á venda hora e media antes do comezo do espectáculo.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, amosou a súa satisfacción ao comprobar que esta semana teatral segue sumando edicións “grazas ao bo facer das compañías de teatro afeccionado” dicía. Esta actividade afirmaba que “é un exemplo de cultura activa e participativa” ao tempo que afirmaba que “o éxito de público está garantido”.
A programación ábrese o próximo luns, 1 de abril, ás 20.15h coa obra de teatro infantil “Un día de espías” que representará “Garabullada Teatro” da Asociación Cultural “Xuntanza” de Randufe. Segundo explicou Miguel Ángel Martínez os actores teñen entre 9 a 15 anos e van estrear esta obra o luns no Teatro Municipal.
O martes, 2 de abril, ás 21.15h será a quenda do grupo de teatro “San Fins” de Rebordáns coa representación de “Ratibrom”. Cristina Fernández, integrante desta agrupación, explicou que sobre o escenario estarán oito persoas para dar vida a esta comedia que transcorre nun hotel de luxo.
O mércores, 3 de abril, ás 21.15h o grupo de teatro “Atalaia” do Centro Sociocomunitario de Tui estreará “Cianuro so ou con leite”. Carmen Álvarez “Melo”, unha das actrices, daba conta de que esta obra, que transcorre nun velorio ten toda unha trama de ambición á que dan vida 11 persoas.
O xoves, 4 de abril, ás 21.15h, a obra que se representará será “O Ciridonio”, por parte do grupo de teatro “Caldemiños” da Asociación Cultural “A Insua” de Caldelas. Susana Blanco explicou que o protagonista é un taberneiro moi fachendoso. Sobre o escenario estarán oito actores.
Mentres o venres, 5 de abril, ás 21.15h, “Aloia Teatro” da Asociación Cultural “Aloia” de Pazos de Reis representará “A vinganza da Petra”. Mónica Conde, membro do grupo explicaba que se trata dunha obra moi divertida protagonizada por un matrimonio Petra e Manolo. Os actores teñen entre 21 e 18 anos.
E pechando esta V Semana de Teatro Afeccionado o sábado, 6 de abril, ás 20.15h o grupo “Chirlomirlo” da Asociación Cultural “Xuntanza” de Randufe levará a escena “O enfermo imaxinario” de Moliere. Unha obra, que tal e como explicaba Miguel Ángel Martínez, algúns dos once actores que a representan nesta ocasión xa o fixeron hai 23 anos.
Sem comentários:
Enviar um comentário