quinta-feira, 7 de março de 2013

Tui prepárase para a celebración de Play-Doc, o maior acontecemento cultural da cidade


As miradas do audiovisual a nivel internacional volverán posarse do 13 ao 17 de marzo en Tui coa novena edición de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui. A inauguración terá lugar o mércores 13 ás 20.30h no Teatro Municipal de Tui. 
A presentación deste evento tivo lugar esta mañá na Área Panorámica a cargo dos directores do festival, Sara García e Ángel Sánchez, xunto ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e a concelleira de Cultura de Tui, Vanesa Rodríguez. 
“Estamos moi satisfeitos. Esta é unha das mellores edicións. Son nove anos e a labor cristaliza sobre todo coa presenza do gran Albert Maysles”. Deste xeito comezaba a súa intervención Sara García quen salientaba que “a retrospectiva de Maysles é das máis importantes que temos feito”. Tamén indica que é un privilexio o ciclo que van dedicar a Guillén Landrián, apuntando é o contrapunto perfecto á obra dos irmáns Maysles.  Por outra parte salientaba o “momento óptimo” que vive o documental galego con repercusión internacional. Sara García explicaba que nesta novena edición teñen “unha programación reducida pero selecta” feita con moito cariño. Tiña amais palabras para os colaboradores de Play-Doc “pola súa profesionalidade e entrega”. 
Ángel Sánchez, pola súa parte explicaba que “cumprimos 9 anos. Para nós este é un reto marabilloso, facer un festival internacional dende a periferia e que se fale del”. E engadía que neste caso “a periferia é un valor engadido” que impacta en cada un dos convidados de Play-Doc. Agradecía o apoio das institucións e entidades privadas pero tamén dos colaboradores individuais e anónimos como son os Play-Doc Support  que “máis aló do impacto económico, o que importa é o impacto moral que supón que haxa tanta xente detrás do festival que o quere apoiar directamente”.  Aludía amais á visibilidade que se lle da ao audiovisual galego tanto durante o festival, cos contactos que se fixeron nas distintas edicións, senón tamén nas actividades que Play-Doc realizado ao longo ano tratando de propor programación con documental galego fóra das nosas fronteiras porque “cremos profundamente no talento que hai en Galicia”. Explicaba por último que a supervivencia do festival é froito de que “sempre temos un proxecto moi equilibrado”.  
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, comezou a súa intervención indicando que “nunha situación complexa como a que nos toca vivir é importante que a cultura sexa aire fresco que nos anime a seguir traballando”. E engadía que “Play-Doc é o acontecemento cultural máis importante que se celebra en Tui”. Apuntaba amais o rexedor que a cidade é un lugar estratéxico polo seu posicionamento e pola súa traxectoria cultural ao longo dos séculos. Moisés Rodríguez afirmou que “o concello mantén a súa aposta económica por este festival”. Felicitou aos organizadores po resta novena edición destacando o traballo dos colaboradores e a gran resposta do público, pondo de manifestou o seu convencemento en que “Play-Doc vai ter moita vida”.
Anxo Lorenzo, secretario Xeral de Cultura, expuxo que “por parte da Xunta non hai dúbida do compromiso coa cultura e co audiovisual”. Salientaba amais o seu compromiso e apoio a Play-Doc ao tempo que destacaba que “este tipo de apoio visualiza a cultura que se fai en todos os territorios do país”. 
Vanesa Rodríguez, concelleira de Cultura, salientou o referente internacional que é Play-Doc, un festival que leva o nome de Tui por todo o mundo, segundo dicía. Felicitou aos organizadores polo seu traballo e polo feito de comezar o festival en Tui e continuar con el na cidade. 

Sem comentários:

Enviar um comentário