Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui teima na liña de ofrecer concertos ligados a filmes da súa selección. Desta volta, toma a figura do director cubano Nicolás Guillén Landrián, ao que se lle rende homenaxe cun ciclo; para poñer no escenario a Kumar
Sublevao Beat Band, grupo cun abraiante universo sonoro de mestizaxe musical.
O líder da banda, Kumar, comezou a súa carreira nos circuítos de Hip Hop da Habana dos 90. En Europa fusionaría a música tradicional do seu país, que tanto aparece nos filmes de Guillén
Landrián, co Afrolatinjazz, o Reggae e o Funk. O seu particular son combina percusión afrocubana con samplers, sintetizadores e instrumentos acústicos. Todo, fundido nun verso poético, profundo e comprometido.
A crítica internacional acolleu ben o seu primeiro álbum, Película de Barrio, co que percorreu
circuítos coma o Montreaux Jazz Festival (Suíza), Elysee Montmartre (París) ou o Dunya Festival (Róterdam). Xa prepara o segundo, Patakin, e un EP, Sub-Elevation. Ao tempo, leva a cabo xunto a Machete Horns o proxecto Afrikun. Nel, gaña protagonismo a percusión, a través da que profunda na súa investigación persoal da música afro.
Na súa traxectoria, Kumar ten colaborado tamén con outros artistas de prestixio, entre os que se contan Omar Sosa, Gilles Peterson, Ojos de brujo, Jimi Tenor, Perico Sambeat ou Indee Styla, entre outros.
O concerto Play-Doc Live 1906, patrocinado por Estrella Galicia, terá lugar o vindeiro día 16 de marzo, sábado, ás 00.30 horas, na sala Metropol de Tui. As entradas pódense adquirir na billeteira por 6 euros.
Sem comentários:
Enviar um comentário