terça-feira, 5 de março de 2013

O atletismo e o fútbol sala tudense triúnfan na fin de semana

 
Uxía Pérez Bugarín, atleta xuvenil do Club Atletismo Tui-Thermalia, acadou a medalla de bronce no Campionato de España Xuvenil en Pista Cuberta disputado a pasada fin de semana na localidade malagueña de Antequera, na proba dos 3.000 m., cun tempo de 10:15:11, o que supón a súa mellor marca persoal.
A atleta tudense completa así un inicio de ano cheo de éxitos, ao sumar no Campionato Galego Xuvenil de Pista Cuberta a medalla de ouro na proba dos 1.500 m. e a medalla de prata na proba dos 800 metros, así como a medalla de ouro no Campionato Galego Xuvenil de Campo a través.
Outro deportista tudense, Gustavo Rodríguez, acadou o primeiro posto na segunda proba do Circuíto Galego de Duatlón de Estrada en Guitiriz, tal como fixo na primeira proba en Lugo. Gustavo marcou as diferencias no sector da bicicleta para rematar cun tempo de 56:29.
Por outra banda, na modalidade do fútbol sala, o club tudense A Quinta Xestión proclamouse o pasado sábado campión da liga provincial de fútbol sala, obtendo o dereito a ascenso á liga autonómica para a próxima tempada. O equipo tudense acadou o campionato ao gañar ao equipo Serfis Valeixe, no partido disputado no novo pavillón deportivo municipal de Tui.
Neste mesmo deporte, o equipo cadete de fútbol sala A Fábrica de Tui poderá proclamarse campión de grupo a próxima fin de semana, no partido que xogará contra o Martín Codax, na liga provincial cadete masculino.

Sem comentários:

Enviar um comentário